A Deputación dota a 16 concellos da provincia de novas illas ecolóxicas para darlle vida ao comercio local
Os colectores, que se instalan no marco dos proxectos “Da túa man” e “Commerce Inside”, servirán ao mesmo tempo coma puntos de información e sensibilización sobre o tratamento e reciclado dos residuos
13/04/2023
16 concellos da provincia contarán ao longo dos próximos días con novas illas ecolóxicas dotadas con colectores de man da Deputación. É unha das accións que se están a levar a cabo ao abeiro dos proxectos “Da túa man”, dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e “Commerce Inside”, dirixido a concellos turísticos. Os proxectos, que contan cun orzamento de 1.066.085 e 1.097.350 euros, respectivamente, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70%, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.
A partir de hoxe, xoves 13 de abril, comeza a instalación destes elementos no concello do Rosal e ao longo de abril instalaranse no resto de municipios participantes. Son 32 illas ecolóxicas, 18 co proxecto “Da túa man” e 14 con “Commerce Inside”: Salceda de Caselas, A Cañiza, Gondomar, Meaño, Silleda, Poio, Ponte Caldelas, Moaña, Nigrán, Tui, Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Sanxenxo e Bueu. Segundo as necesidades de cada un dos concellos, cada unha destas prestacións contará con ata 6 colectores grandes ou 4 pequenos, e na maioría dos municipios instalaranse dúas illas ecolóxicas.
O obxectivo a acadar con esta acción é axudar a agrupar diferentes fraccións de reciclaxe facilitando, deste xeito, a clasificación de residuos urbanos, fomentando a reciclaxe e integrando ecopuntos na contorna comercial. De feito, estas illas servirán coma puntos de información e sensibilización sobre o tratamento e reciclado dos residuos. Ademais, coa súa instalación contribúese a mellorar a estética da zona onde se localizan ao atoparse distribuídas polos eixos comerciais máis importantes de cada concello. Para a súa instalación utilizarase un sistema modular de cerramento con porta do perímetro do recinto onde se sitúan os colectores, que servirá de protección dos mesmos e contribuirá a embelecer e identificar coma ecopunto o lugar elixido para a súa colocación.