SmartPeme promove unha xornada participativa para o desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito da responsabilidade social corporativa
O evento terá lugar o 11 de maio e contará coa participación de Carlota Corzo, talento español de menos de 30 anos da Lista Forbes, e Guillermo Martínez, fundador dunha ONG que elabora brazos en 3D para persoas con diversidade funcional
24/04/2023
Involucrar ao tecido empresarial da provincia no compromiso social e fomentar este tipo de emprendemento é o obxectivo da terceira acción do programa de Desenvolvemento de Solucións Innovadoras que promove Smartpeme e que terá lugar o vindeiro 11 de maio na sede da Deputación en Vigo. Trátase dunha xornada para impulsar o talento da provincia que incluirá diversas actividades, como os relatorios de Carlota Corzo e Guillermo Martínez, así como obradoiros e sesións de networking, nas que as e os participantes poderán tomar parte na creación de solucións innovadoras enmarcadas na Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Pódese xa formalizar a inscrición no programa, que permanecerá aberta nesta ligazón ata o 8 de maio.
A xornada arrancará co relatorio “Replantexando as doazóns” (10.30 h.), a cargo da coruñesa Carlota Corzo, licenciada en Belas Artes pero que fixo do emprendemento a súa bandeira fundando Lázzaro, unha plataforma que dá seguridade ás doazóns a oenegués. Gañadora do premio social Jóvenes da Fundación Máshumano, Corzo foi incluída o pasado ano na lista dos e das 30 talentos españois de menos de 30 anos da revista Forbes.
O programa continuará coa intervención ás 10.50 h. de Guillermo Martínez, enxeñeiro de Organización Industrial, diplomado en Tecnoloxía Biónica, Máster Social MBA e fundador e director xeral de Ayúdame3D, unha organización sen ánimo de lucro que crea e entrega brazos impresos en 3D, denominados trésdesis, de maneira gratuíta a persoas con diversidade funcional de todo o mundo. Martínez, que pronunciará o relatorio “Deseñando axudas, imprimindo cambios sociais”, é un referente dentro do mundo do emprendemento social, e mesmo recibiu o premio Princesa de Girona.
A xornada tamén contará con dous obradoiros, un ás 12 h. de construción de próteses de Ayúdame3D e outro ás 15.30 horas sobre os NFT (Non-Fungible Token) e como adquirilos. Os token son activos dixitais encriptados, que representan algo único e non son intercambiables de forma idéntica.