O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presenta a II edición da Volta a Nado Illa de Tambo-Concello de Poio

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de participar na presentación da II edición da Volta a Nado Illa de Tambo-Concello de Poio.

20/07/2023

Volta a Nado Illa de Tambo, Concello de Poio

A II edición da Volta a Nado Illa de Tambo-Concello de Poio, terá lugar o domingo 30 de xullo, á que cualificou como “unha das travesías a nado máis espectaculares de Galicia”. Durante o acto, o vicepresidente adiantou que o deporte será “un dos grandes eixos da nosa actividade á fronte da institución provincial” pola repercusión que ten na saúde, no fomento de valores positivos para a sociedade e no turismo. “Son médico de profesión –asegurou- e considero fundamental a práctica deportiva non soamente para a saúde física, senón tamén para a mental e psicolóxica”.

Rafa Domínguez tamén destacou a capacidade que ten o deporte para espallar valores como “a solidariedade, a amizade, o afán de superación, o traballo en equipo ou o esforzo para acadar os retos propostos, tan necesarios para construír sociedades mellores e máis avanzadas”. E remarcou a relación entre probas deportivas como esta co turismo, xa que contribúen a poñer “en valor a riqueza natural, histórica, cultural e paisaxística dun lugar tan fermoso na ría de Pontevedra como é a Illa de Tambo”.

Ademais o vicepresidente aproveitou a ocasión para recordar que a provincia de Pontevedra conta con “grandes deportistas de alto nivel, novas promesas que debemos potenciar, mesmo unhas cantas medallas olímpicas” así como “centos de clubs e entidades que están a fomentar o deporte de base con grandes esforzos e cunha dedicación ímproba que son máis que merecentes de gratitude pola nosa parte”.

Galerias de imagenes