A Deputación abre este martes o prazo para participar no “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural”

O prazo para participar neste programa de formación dixital que terá lugar nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña estará aberto ata o 31 de xaneiro

16/12/2023

Desde este martes e ata o 31 de xaneiro estará aberto o prazo para participar como alumno e influencer no “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural”. O proxecto, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña, inclúe unha formación destinada a maiores de 50 anos para alfabetizalos dixitalmente e capacitalos en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas.

En canto ao alumnado deberá ter nacido antes de 1973 ou acreditar discapacidade, prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos. Por outra banda, os influencers (persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais) deben ser maiores de 18 anos e estar empadroadas nalgún dos concellos participantes.

Unha vez seleccionadas as persoas participantes, 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas que versarán sobre a Administración electrónica, o Sergas en liña, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Cada acción formativa terá unha duración de 5 horas e ao final delas haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais e poida formular dúbidas sobre os coñecementos adquiridos.