A Gala do Turismo da Deputación, “un chute de autoestima para unha provincia e un sector recoñecidos polo seu compromiso co territorio”

Preto de 500 persoas abarrotaron o Auditorio Mar de Vigo para homenaxear o sector turístico e mergullarse nun enorme espectáculo baseado no patrimonio inmaterial

10/03/2023

Gala de Turismo

Música, circo, acrobacias, audiovisuais, luz, cores, decoración, tradición e tecnoloxía. Todo elo marcou esta tarde o incrible espectáculo da Gala Provincial do Turismo que organiza a Deputación, cuxa presidenta Carmela Silva recoñeceu que “este ano démolo todo”. Case 500 persoas abarrotaron o Auditorio Mar de Vigo para celebrar a excelencia do noso destino e recoñecer e homenaxear o sector turístico nun evento que comezou coa impresionante actuación de Sheila Patricia, coa peza “A Moura”, para dar paso á Gala máis espectacular que ten organizado a Deputación ata a data. Todas as persoas asistentes puideron mergullarse, nada máis poñer o pé no auditorio, nun universo creado pola Deputación para a ocasión, cunha ambientación na zona de recepción baseada en elementos e detalles da nosa tradición. Cestería, plantas, flores, estrelas de mar, cunchas e elementos da cultura mariñeira como remos ou nasas, ademais da compañía da Asociación do Entroido de Cobres, que deu un punto extra de cor á velada e foi o gran reclamo do photocall.

A presidenta da Deputación, alcaldesas e alcaldes da provincia, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e representantes do sector turístico, da cultura, da política e da sociedade reuníronse na gala conducida pola actriz Alicia Ballesteros. Ademais de Sheila Patricia, tamén actuaron outros grupos e solistas expoñentes da gran tradición mesturada cun punto de vangarda: a compañía Nova Galega de Danza –protagonista da campaña ‘Orixe’, co vídeo proxectado en FITUR rodado no Mosteiro de Carboeiro–, un espectáculo de circo vertical a cargo do grupo Duelirium e, como broche de ouro o recoñecido músico Baiuca xunto a Xosé Lois Romero e Aliboria coas pezas “Luar”, “Diaño” e “Veleno”. Tamén se desvelou o segredo mellor gardado da noite: unha mensaxe en 3D de realidade aumentada dunha das madamas do Entroido de Cobres, que relatou esta tradición con máis de 3 séculos de antigüidade, caracterizada polos vistosos traxes e sombreiros, e cualificou á provincia de Pontevedra “como un territorio cheo de cor”.

“Se xa todos os anos esta Gala é un espectáculo –asegurou a presidenta Carmela Silva- este ano queríamos dalo todo porque o sector turístico merece que lle fagamos un gran recoñecemento e agradecemento polo seu compromiso coa excelencia e con mellorar a atención, pero sen deixar de coidar o territorio e loitando pola sustentabilidade e contra a masificación do noso destino”. A Gala do Turismo estivo cargada de significado pola fortaleza do sector, pola celebración da “Orixe Rías Baixas” e tamén pola mostra desas novas ideas, talento e creatividade e vangarda que a traen ata o presente. “Temos a capacidade de incorporar á modernidade o legado que herdamos, o lugar de onde vimos, o noso marabilloso patrimonio inmaterial”, sinalou a presidenta en referencia ao “espectáculo de luz, cor, música e circo” que se viviu durante esta “gran” gala.

Pola súa banda o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, felicitou a Deputación por “este espectáculo, que celebra o turismo e que recoñece a importancia e a potencialidade deste sector estratéxico para Galicia e para a provincia”. Ademais, Pardal sinalou que a gala, co fío condutor do patrimonio inmaterial, “pon en valor os nosos sinais de identidade, recoñece a nosa capacidade para conservalos e premia a visión de futuro para facelo dun xeito sostible”.

Recoñecemento a un sector responsable e consciente do seu gran potencial

Na Gala de Turismo fíxose un amplo recoñecemento explícito ás empresas turísticas da provincia. Por unha banda, 165 firmas recibiron os diplomas acreditativos por ter recibido ou renovado os distintivos de calidade SICTED, dos que a provincia de Pontevedra é líder en todo o Estado. A presidenta, que as acompañou no escenario no momento da recollida, deulles os parabéns pola súa “absoluta” implicación en asuntos como a sustentabilidade e a loita contra a masificación do destino: “fago miña a súa frase: ‘non podemos morrer de éxito’”, asegurou, sinalando que “por iso traballamos conxuntamente para que sigan vindo visitantes desde os parámetros da sostibilidade”.

As artesás premiadas a nivel galego e estatal convértense nas embaixadoras da provincia

A Deputación nomeou este ano embaixadoras do destino as cinco artesás da provincia recoñecidas co Premio Nacional de Artesanía ou o Premio Artesanía de Galicia. Deste xeito, en 2023 serán representantes das Rías Baixas a zoqueira Elena Ferro (Nacional 2019), Paula Ojea (tamén Nacional 2019), Ana Tenorio (Galicia 2018), a ceramista Marta Armada (Galicia 2014) e Virginia Rodríguez ‘Joyas de la Raspa’ (Nacional 2008). Carmela Silva asegurou que “é impresionante ver a delicadeza do seu traballo e a súa creatividade; como son capaces de crear e dar forma ás pezas e convertelas en obras de arte, igual que acontece coas esculturas que crea Lucía Sueiro” a partir de material recuperado de refugallos, e que lles foron entregadas ás flamantes novas embaixadoras. “É un orgullo que nos representen estas grandes mulleres, con tanto talento, porque son unha mostra da importancia das mulleres na nosa cultura, de como crean, manteñen e transmiten un legado esencial. Non seríamos o que somos sen elas”, afirmou a presidenta.

Pola outra, entregáronse os galardóns da primeira edición dos Premios Turismo Sostible Pontevedra Provincia aos establecementos que nos dous últimos anos realizaron proxectos de innovación ou eficiencia no eido ambiental e da economía circular. Estes premios acreditan o compromiso do sector co modelo sostible da Deputación, amosando que é posible gozar do territorio e á vez coidalo, e recaeron en Camping Playa Paisaxe II, do Grove (1º premio),  Camping Illa de Ons, na illa de Bueu (2º premio) e Hotel Bosque Mar, do Grove (3º premio).

Durante a gala tamén se proxectaron o vídeo oficial da campaña para este 2023, “Orixe Rías Baixas”, spots sobre as nosas festas de interese turístico galego, nacional e internacional, e as nosas tradicións (a confección do liño, as Herbas de San Xoán, a Rapa das Bestas, a Romaría Viquinga de Catoira e a Danza de Darbo).

Galerias de imagenes

videos