A Deputación promoverá a mellora de instalacións deportivas municipais no marco dos novos fondos europeos para proxectos de turismo deportivo sostible
A institución provincial destinará 295.000 € para subvencionar asistencias técnicas aos concellos de menos de 50.000 habitantes e que así poidan optar ao financiamento da nova convocatoria europea, dotada con máis de 36 millóns de euros do Plan de Recuperación
24/03/2023
A Deputación porá en marcha proximamente unha liña extraordinaria de subvencións dotada con 295.000 € para axudar aos concellos da provincia a preparar a documentación necesaria para optar á próxima convocatoria para o fomento do turismo deportivo sostible do Plan de Recuperación do Goberno de España, que terá un orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation EU, destinada á mellora de instalacións deportivas municipais. Co fin de informar aos concellos de todos os detalles desta nova convocatoria e resolver as dúbidas que poidan xurdir, a Deputación reunirá o vindeiro xoves 30 de marzo aos alcaldes e alcaldesas da provincia.
A liña de subvencións que lanza a Deputación de Pontevedra vai destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes que acrediten presentar algún proxecto a esta convocatoria europea. Así, poderán solicitar achegas por un máximo de 5.000 euros para sufragar os gastos das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación necesaria para a solicitude da axuda. Tamén, para a redacción e/ou adaptación dos proxectos de investimento que se poidan acoller a esta convocatoria do Consello Superior de Deporte. Desta maneira, a administración provincial asume os labores de coordinación e asistencia económica necesarios para posibilitar que os concellos interesados poidan participar nesta convocatoria pública, que supón unha importante oportunidade de financiamento para levar a cabo actuacións que redundarán de forma relevante no seu ámbito territorial.
A finalidade da convocatoria que o Goberno do Estado activará proximamente é, a través da mellora das infraestruturas e espazos deportivos municipais, fomentar o turismo deportivo sostible, intentando que o deporte aumente o potencial de atracción de turismo nacional e internacional dos concellos. Preténdese así incrementar a actividade económica sostible e o emprego en zonas rurais, de menor densidade de poboación ou que están sendo abandonadas, incidindo na igualdade e a inclusión, a dixitalización e a eficiencia enerxética.