A Deputación achega a 18 concellos da provincia dúas novas accións de apoio ao comercio ao abeiro dos proxectos Da Túa Man e Commerce Inside

A próxima semana comezan a impartise os cursos de formación dirixidos a comerciantes e á cidadanía e, a partir do 10 de xullo farase entrega das bolsas sustentables e reutilizables

23/06/2023

A Deputación de Pontevedra continúa a desenvolver as diferentes actuacións enmarcadas dentro dos programas financiados con Fondos Next GenerationDa túa man”, de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e “Commerce Inside”, de fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas. Desta maneira, nos vindeiros días comezarán a impartirse os cursos de formación destinados a comerciantes e cidadanía en xeral e tamén se fará entrega aos concellos das bolsas sostibles e reutilizables fabricadas con materiais compostables ou reciclados.

Nos nove concellos que forman parte do programa provincial Da túa man impartiranse dúas formacións ao longo das vindeiras semanas. Por unha banda, terá lugar o curso “Habilidades Dixitais para Consumidores Vulnerables”, que ten como obxectivo dotar de competencias dixitais á poboación que máis dificultades ten para a súa adopción, como as persoas maiores, para que poidan utilizar con facilidade as ferramentas que se están a implantar no proxecto; e “Deseño de Packaging Sostible”, unha acción formativa dirixida tanto a comerciantes como á clientela, que busca ensinar a crear unha embalaxe atractiva, innovadora e responsable.  Os cursos comezarán o vindeiro luns en Silleda, con “Deseño de Packaging Sostible” e o mércores, 28 de xuño, terá lugar o de habilidades dixitais, ambos na Casa da Xuventude. Tamén en xuño, pero en Salceda de Caselas, terá lugar a formación de deseño de embalaxes, o 29 de xuño no Concello.

Xa no mes de xullo, Poio acollerá a formación de habilidades dixitais o día 3 e a de packaging o 7, no Centro de Formación da Reiboa; no Rosal serán o 4 e o 5 de xullo no Obradoiro-Escola taller Juan Manuel Castro Martínez; en Ponte Caldelas o 4 de xullo a de packaging sostible e o 6 a de habilidades dixitais, no Centro Cultural Público Municipal; en Ribadumia comezarán o día 10 co curso de habilidades dixitais e o 11 será o de deseño de embalaxes sostibles, na Biblioteca Municipal; en Tomiño impartiranse na Escola Obradoiro do Regatiño os días 12 e 13 de xullo; en Gondomar, o primeiro será o 17 no Centro de Desenvolvemento Local e o segundo o 21 no Centro Neural. Por último, en Moaña serán no Patronato Municipal de Beiramar os días 18 e 19 de xullo.

Por outra banda, os comerciantes destes nove concellos teñen tamén a posibilidade de participar no curso online “Dixitaliza o teu negocio”, que busca darlles capacidades para a transformación dixital do seu negocio e ensinarlles a empregar ferramentas dixitais para traballar mellor. A formación desenvolverase entre o 26 de xuño e o 26 de xullo e ten unha duración de 25 horas. A participación en todos os cursos é gratuíta e as inscricións poden realizarse online a través da web do programa “Da túa man” ou en persoa dirixíndose aos concellos participantes.

No caso do programa Commerce Inside os cursos de formación están dirixidos a comerciantes e desenvolveranse de maneira online ao longo de setembro, xa que, ao tratarse de concellos turísticos, evítase, desta maneira, interferir coa actividade da temporada alta. Así, estes e estas profesionais dos concellos de Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove poderán participar en cursos de capacitación en inglés, francés e portugués

Packating sostible e reutilizable

O packaging sostible ten por finalidade potenciar non só a concienciación da importancia da economía circular mediante o reciclado de materiais, senón tamén reforzar a imaxe de marca do comercio de proximidade como un destino sostible e respectuoso co medio ambiente onde se potencie o consumo responsable. Repartiranse preto de 500.000 bolsas reciclables de tres tipos diferentes (de plástico reciclado e reutilizable, de plástico 100% compostable e de algodón 100% reciclado). Estas bolsas entregaranse a partir do vindeiro 10 de xullo nos concellos da Cañiza, Gondomar, Moaña, O Rosal, Poio, Ribadumia, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño, que recibirán 26.780 bolsas cada un repartidas entre os tres tipos existentes para distribuír entre a cidadanía ao abeiro de Da túa man”.  

No caso do programa Commerce Inside, as bolsas chegarán aos concellos de Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Nigrán, Soutomaior e Tui, que recibirán 23.350 bolsa cada un, e O Grove e Sanxenxo, aos que se lles fará entrega de 30.700 bolsas.