Luis López convida a participar na Feira do Requeixo e do Mel das Neves para descubrir o paraíso interior das Rías Baixas cunha oferta ligada á cultura e produción local
O presidente da Deputación , acompañado pola deputada de Turismo Nava Castro, participa na presentación da trixésimo segunda edición dunha festa que consolida á provincia como un destino turístico descentralizado de tradición e gastronomía
18/03/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, convida a toda a cidadanía da provincia e ás persoas que visitan as Rías Baixas a asistir os vindeiros 18 e 19 de abril á Feira do Requeixo e o Mel das Neves para descubrir o paraíso interior da provincia. Fíxoo na presentación da trixésimo segunda edición desta festa de interese turístico de Galicia, na que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro; e o alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso; que tivo lugar este martes no recentemente reformado mercado municipal deste Concello da comarca do Condado. “O requeixo e o mel das Neves son xa un emblema da nosa cultura e gastronomía. Convido a todo o mundo a que se achegue o vindeiro mes de abril ata As Neves porque xa se sabe: quen proba ás Rías Baixas, sempre repite”, afirmou o mandatario provincial.
O mandatario provincial salientou a importancia das festas gastronómicas como motores para impulsar a economía local e o turismo, pero tamén, especialmente en municipios como As Neves, para facer fronte ao reto demográfico. Trátase dun evento que dinamiza a economía local, que atrae visitantes de dentro e fóra das nosas fronteiras e dunha celebración que consolida e enriquece ás Rías Baixas como destino turístico gastronómico. Neste punto, argumentou López, que o reto demográfico é un asunto no que Deputación e Concello están concienciados para o que o goberno provincial ten en marcha accións específicas como a creación dun departamento especializado, a inclusión do criterio demográfico no reparto de fondos do +Provincia ou a posta en marcha de programas de dixitalización como o “Hub contra a fenda dixital”, que se realizou neste concello e agora se expande ao resto da provincia co programa +Reto Dixital.
Celebracións coma a das Neves contribúen tamén a avanzar na estratexia de promoción das Rías Baixas que ten en marcha a Deputación consistente na descentralización do destino e na posta en valor dos atractivos turísticos dos 61 concellos que compoñen a provincia, especialmente os do interior. “Calquera motivo é bo para achegarse ao paraíso interior desta provincia. E a Festa do Requeixo e o mel das Neves é unha celebración que fala de nós, das nosas tradicións, do noso variado programa de festas gastronómicas e da calidade do noso produto e da exquisitez do noso produto”, subliñou o presidente.
Despois de poñer en valor a xestión que está a realizar o alcalde José Manuel Alfonso á fronte do Concello das Neves, o presidente Luis López repasou tamén as liñas de colaboración abertas entre a Deputación e o Concello. Máis aló do apoio a esta feira gastronómica, o impulso ao turismo ou as accións centradas no reto demográfico, a Deputación ten previsto investir este ano no Concello das Neves un total de 1,21 millóns de euros a través de programas de cooperación como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o novidoso Plan Extra.