A sede da Deputación en Vigo acolle “Cuestión de tempo” a exposición coa que Román Corbato relaciona orde e medida e conecta espazos e tempos
Carmela Silva: “Con esta mostra apostamos pola arte contemporánea máis conceptual e pola investigación artística na procura de impulsar a experimentación e a innovación e democratizar novas linguaxes contemporáneas”
29/07/2022
O tempo, o espazo, a relación das persoas co territorio e a natureza son algunhas das cuestións sobre as que ata o 19 de setembro poderase reflexionar a través de “Cuestión de tempo”, a nova exposición que acolle a sede da Deputación en Vigo, con esculturas, instalacións e fotografías de Román Corbato. A “vangardista” mostra abriu esta tarde as súas portas coa música de Marco Maril, Iria Vázquez e Macarena Montesinos nunha ateigada sala Maruja Mallo na que se deron cita representantes do movemento cultural e social da cidade viguesa para, como destacou a presidenta Carmela Silva, desfrutar dunha aposta “pola arte contemporánea máis conceptual e pola investigación artística na procura de impulsar a experimentación e a innovación e democratizar novas linguaxes contemporáneas”.
“Cuestión de tempo” está integrada por oito pezas que abranguen dende a escultura, ata instalacións e fotografías que fan reflexionar sobre a temporalidade das accións humanas, afondando nas maneiras nas que pode mobilizar as narrativas, as subxectividades e as relacións co mundo. A mostra, tal e como detallou Román Corbato no acto inaugural, “é un proxecto moi persoal, de nova creación” que continúa “a miña liña de traballo centrada na nosa relación co territorio e a natureza, en como observamos, construímos e habitamos a paisaxe que nos rodea”. Así, “Sen título (orde e lugar)” trátase dunha composición con 11 fotografías que amosan como se vai enchendo un espazo de leña; as dúas obras con título “Tempo absoluto” empregan ferro e fragmentos de ladrillo recuperados dunha antiga explotación mineira; a fotografía “Berbés” amosa un muro do barrio vigués recuperado con números e letras; “Espazo exposto” son dez fotografías dixitais en branco e negro; “Sen título #1” trátase dunha escultura en madeira que recorda a topografía do lugar onde o escultor recolleu a propia madeira que a integra; “Sen título #2” é unha instalación site-specific con estruturas triangulares de madeira e lousa colocadas de forma paralela, e “Plen Air” trátase dunha impresión dixital sobre mapa.
A exposición, que dende hoxe pode visitarase na Sala Maruja Mallo da Deputación en Vigo ata o 19 de setembro, completarase cun obradoiro dirixido a familias con nenas e nenos de entre 6 e 12 anos. Terá lugar o vindeiro mércores, 3 de agosto, de 10.30 a 13.30 e nel analizarase o paso do tempo no espazo público da cidade de Vigo a partir da obra “Berbés”. As prazas son limitadas, polo que é preciso formalizar inscrición previa en participa.cultura@depo.es.