O Museo de Pontevedra reúne 30 pezas de Juan Carlos Meana na exposición “O espazo entre as cousas”
O Museo inaugurou no Edificio Castelao a mostra, que homenaxea o profesor de Belas Artes, falecido en xaneiro deste ano, facendo un repaso polas últimas tres décadas do artista
03/08/2023
O Museo de Pontevedra inaugurou esta tarde a exposición que a institución lle dedica ao artista e profesor de Belas Artes Juan Carlos Meana, falecido en xaneiro deste ano, e que reúne arredor de 30 pezas das tres últimas décadas. ‘Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas’ poderase visitar no Edificio Castelao ata o 29 de outubro e reúne arredor de 30 pezas das tres últimas décadas do artista. Na inauguración participaron José Manuel Rey, director do Museo, Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo –entidade que colabora na mostra–, e o comisario, Alberto Ruiz de Samaniego, que enxalzaron a altura humana e artística de Meana.
O director do Museo expuxo que “se algo sobresae na súa figura é a brillantez coa que compatibilizou a práctica artística coa investigación teórica, o pensamento e a transmisión de coñecemento”. Rey engadiu que a exposición é “unha merecida homenaxe a un vasco de nacemento e galego de adopción que deixou unha pegada imborrable nesta cidade onde desenvolveu a súa vida e carreira profesional”. Para o director do Museo, “Juan Carlos Meana contribuíu á formación de varias xeracións de artistas, ao tempo que expoñía en artigos e monografías as súas reflexións sobre a práctica artística contemporánea. Coa súa creación artística cuestionou constantemente o sentido da obra de arte”.
A selección de obras permite facer un percorrido pola investigación creativa de Meana, na que os obxectos cotiás serven de punto de partida para indagar sobre a propia condición humana. Espellos, pastillas de xabón, ladrillos ou escuadras metálicas son parte do enxoval sobre o que o artista edifica unha proposta que anima o público a descubrir sentidos ocultos. En palabras do propio Meana recollidas na exposición: “Que a arte é unha forma de coñecemento non me ofrece dúbidas, e nese formar un coñecemento constrúese un saber. Trátase dun saber amplo que comprendería un saber ver, un saber facer e un saber pensar”.
Apuntamentos biográficos
Juan Carlos Meana Martínez (Vitoria-Gasteiz, 1964–Pontevedra, 2023) foi artista e profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo. Doutorouse en Belas Artes no ano 1993 na Universidade do País Vasco, e estudou na ENSBA de París (1987-1989) con Christian Boltanski e residiu en Galicia desde 1993. Na Facultade de Belas Artes de Pontevedra exerceu a docencia e, entre 2010 e 2015, foi o decano do centro.
A súa actividade centrouse inicialmente na pintura para despois ampliarse a outras disciplinas, especialmente a escultura e as instalacións. Desde 1986 realizou máis dunha vintena de exposicións individuais e participou en preto dun cento de colectivas. A súa obra está presente en coleccións particulares e de entidades públicas e privadas como o Goberno Vasco e o Museo Artium de Vitoria.
Así mesmo, realizou un importante traballo de reflexión sobre a práctica artística contemporánea e a docencia da arte, publicando artigos, libros monográficos, dirixindo teses doutorais e formando parte de grupos de investigación. Na súa bibliografía destacan os títulos El espacio entre las cosas (Deputación de Pontevedra, 2001), Lo que no somos, lo que no queremos (Universidade de Vigo, 2002), La ausencia necesaria (Ediciones Dauro, 2015) e El aprendiz de la lengua extranjera (Arteactivo, 2019).
As súas creacións e investigación desenvolvéronse ao redor de temáticas como o mito de Narciso e os numerosos recursos plásticos da imaxe no espello, a negación da imaxe como estratexia creativa ou as tensións entre individuo e o grupo social ao que pertence.