Caldas de Reis, última parada da exposición “Camiños do Sur”, coa que a Deputación pon en valor o patrimonio das rutas do Camiño

A mostra, que a institución provincial impulsa no marco do proxecto europeo Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular, poderá visitarse ata o 22 de setembro

18/08/2022

EXPOSICION CAMIÑOS XACOBEOS DO SUR CALDAS

Desde este xoves 18 de agosto e ata o 22  de setembro, a Deputación de Pontevedra amosa en Caldas a exposición itinerante “Camiños do Sur”, que impulsa no marco do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular” para poñer en valor o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas da provincia cara Compostela, en concreto o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. A praza do Camiño do concello caldense é a última parada desta mostra, que foi inaugurada hoxe polo alcalde Juan Manuel Rey e o deputado Manuel González, despois do seu paso por Pontevedra, Baiona, Tui e Redondela.

“Camiños do Sur”, que pola noite alumeará a praza do Camiño a través dun cubo retroiluminado coa imaxe da mostra, , inclúe un mapa de gran formato cos percorridos dos camiños de Santiago que proceden de Portugal e atravesan a provincia de Pontevedra. Tamén presenta, en diferentes taboleiros, información relativa ás paisaxes, as vilas e cidades, persoas e culturas a carón dos camiños, deténdose nos percorridos e datos históricos, contrastes, relacións, similitudes, patrimonio,  tradicións e gastronomía. O obxectivo da proposta é enxalzar a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran.

O proxecto “Camiños Xacobeos do  Oeste Peninsular”, no que se enmarca a exposición, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados polo FEDER ao 75%, e busca impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara Compostela que atravesan o oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.

Xunto á Deputación de Pontevedra participan na iniciativa outras entidades do Estado e de Portugal, como as deputacións de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Sevilla, Ourense e Zamora, a Xunta de Estremadura, e, de Portugal, Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos. Amais da mostra, estanse a desenvolver outras iniciativas para impulsar unha actuación homoxénea de sinalización, mellorar equipamentos, empregar tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos e implantar unha estratexia compartida para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño