Chega a Baiona a exposición itinerante “Camiños do Sur” que impulsa a Deputación no marco europeo para valorizar o patrimonio do Camiño
A mostra, enmarcada no proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular” no que participan 13 institucións do Estado e de Portugal, poderá visitarse dende este martes, 26 de abril, na Alameda Carabela La Pinta do Concello de Baiona
25/04/2022
A exposición itinerante “Camiños do Sur”, que impulsa a Deputación no marco do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, chega este martes a Baiona tralo seu paso por Pontevedra. Coa mostra, a institución provincial busca valorizar o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que discorren pola provincia cara Compostela como o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, enxalzando a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran. A mostra, que poderá visitarse durante as vindeiras catro semanas na Alameda Carabela La Pinta de Baiona, recalará o 1 de xuño en Tui (sala de exposicións do edificio Francisco Sánchez), o 8 de xullo en Redondela (Multiusos da Xunqueira) e o 16 de agosto en Caldas (Praza do Camiño).
“Camiños do Sur”, que ocupará un espazo de 150 metros cadrados, difundirá información sobre as rutas portuguesas cara Compostela que atravesan a provincia a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños atractivos e modernos. A mostra contará con imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo, práctico, atractivo e versátil adaptado ao espazo, que presentará “mundos diversos”, paisaxes, vilas, cidades, persoas e culturas a carón dos camiños. En concreto, amosaranse percorridos e datos históricos sobre os camiños, centrando a atención nos contrastes, nas relacións e similitudes entre as paisaxes, así como información sobre os núcleos de poboación que percorren as persoas peregrinas e sobre o seu patrimonio, as súas xentes, as súas tradicións e a gastronomía.
O proxecto “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, no que se enmarca a exposición “Camiños do Sur”, conta cun orzamento de 2,5 millóns de € cofinanciados polo FEDER ao 75%. O seu principal obxectivo é impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara Compostela que atravesan o Oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués. Participan nesta iniciativa, xunto á Deputación de Pontevedra, outras entidades do Estado e de Portugal como as deputacións de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Sevilla, Ourense e Zamora, a Xunta de Extremadura, e, de Portugal, Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos. Amais da mostra que se poderá ver dende este martes en Baiona, o proxecto está a impulsar outras moitas iniciativas entre as que se atopan a homoxeneización da sinalización, a mellora de equipamentos, o emprego das tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos e a implantación dunha estratexia para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.