A sede da Deputación en Vigo abre “A viaxe da miña vida”, unha exposición de láminas que reúne a obra de nove artistas da Asociación Down Vigo
A mostra, que poderá verse desde este mércores na Sala Rosalía, apoiase na técnica da pintura ao pastel coa aplicación directa das cores sobre a superficie
05/09/2022
A técnica da pintura ao pastel foi a elixida por nove membros do grupo de Habilidades Adaptativas da Asociación Down Vigo para realizar a segunda parte da mostra “A viaxe da miña vida”, que poderá verse dende este próximo mércores 7 de setembro na Sala Rosalía da sede de Vigo da Deputación e onde permanecerá exposta ata o día 27. Na exposición, Arancha, Antonio, Lola, Lucía, Manuela, Marcelo, Mercedes, Noe e Silvia son as e os artistas que expresan os seus sentimentos, anhelos e recordos a través dunha serie de láminas que chamarán a atención da cidadanía que visite a sede provincial na cidade.
A mostra comezou como un proxecto da asociación para aflorar a creatividade das súas autoras/es. A idea era que en cada peza amosaran unha vivencia mediante a combinación de cores e sombras e a disposición de elementos ente os que destacan aqueles relacionados coa natureza como atardeceres, árbores ou animais. Para levar a cabo esta tarefa valéronse tamén da técnica da pintura ao pastel, coa aplicación directa das cores sobre a superficie sen empregar ningún tipo de disolvente. Deste xeito, conseguiron sacar á luz ás súas vivencias no que foi para elas e eles toda unha viaxe emocional.
A primeira parte desta mostra xa visitou a sede da Deputación en Vigo en xaneiro do 2021. Nela expuxéronse oito tapices de “patchwork”, unha técnica que consiste na unión de tecidos, que tamén tiña como finalidade a expresión dos sentimentos das e dos seus creadores. Con accións coma estas exposicións a Asociación Down Vigo, que na actualidade presta os seus servizos a máis de 200 persoas, busca a plena integración e a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual.