A Deputación promove con “A era das fábulas” unha conversa sobre o estado do mundo, do clima e da situación social a través de pezas do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary

A mostra, que se inaugura este mércores 10 de xullo e se poderá visitar en Pontevedra ata o 29 de setembro, explora en tres actos o interese da arte polo poder rexenerador da fantasía

09/07/2024

a era das fábulas

Este verán, as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove (FMJJ) e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary establecerán unha conversa desde a heteroxeneidade dos seus fondos para, a través da arte, resaltar a inmensa forza que a transmisión oral ten na nosa cultura. A exposición ‘A era dás fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’, abrirá as súas portas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra este mércores 10 de xullo e poderá visitarse ata o 29 de setembro.

“Trátase –asegurou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez – da exposición máis ambiciosa organizada polo Museo de Pontevedra nos últimos vinte anos, un paso máis para avanzar no impulso desta cidade e provincia como epicentro da cultura nacional e internacional”. Para o vicepresidente da Deputación, na consecución deste obxectivo o Museo ten un papel fundamental “como faro que alumea o dinamismo cultural de Pontevedra”. Por estes motivos agradeceu á Fundación María José Jove e ao TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporany “a súa xenerosidade para que estas obras de arte de primeiro nivel mundial poidan estar en Pontevedra a disposición da cidadanía para o seu desfrute”.

A través do encontro entre as pezas artísticas dos séculos XX e XXI da FMJJ e TBA21 cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra, a exposición quere facer ao espectador partícipe dunha conversa sobre o estado do mundo, do clima e da situación social. Á pregunta de para que serven as exposicións, ‘A era dás fábulas’ responde que para que as obras de arte falen sobre temas que preocupan aos seres humanos.  Deste xeito, a exposición vira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade, e a plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra presentou esta mañá a exposición xunto coas comisarias da mostra, Susana González (Fundación María José Jove), Chus Martínez (TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary) e Ángeles Tilve (Museo de Pontevedra). Na presentación, o dirixente provincial percorreu xunto coas comisarias as tres salas nas que se organiza a mostra, a modo de tres actos dun mesmo relato e enmarcadas por dúas obras situadas fóra das salas: ‘Avenza Revisited II’ de Louise Bourgeois, e ‘O tempo lento do corpo que é pele’, de Ernesto Neto.

A primeira sala correspóndese co acto I: ‘Imaxinación-mar’. As tradicións e as prácticas mariñas, con frecuencia unidas ao risco de perder aos nosos seres queridos, son o berce de fábulas e contos orientados a chegar a un acordo, a unha relación de harmonía co Océano. Neste acto a conversación establécese entre as obras de Maruja Mallo, Pablo Picasso, Anselm Kiefer, Din Matamoro e Noa & Lara Castro, de FMJJ; obras de Teresa Solar, Himali Singh Soin, Inês Zenha e Sonia Levy, de TBA21; e obras de Castelao, Francisco Vázquez Díaz ‘Compostela’, xunto a fanais isabelinos, buguinas mariñas e bustos bifrontes galaico-romanos, do Museo de Pontevedra.

O acto II, ‘Transformación-terra’, achégase á terra, a agricultura e os seus mitos. A labranza como práctica, a supervivencia e o clima son primordiais para entender non só o pasado senón tamén o noso presente. Nesta segunda sala aparecen as obras de Miquel Barceló, Joan Miró, Salvador Dalí, Menchu Lamas, Cristina Iglesias, Antony Gormley, Eugenio Granell, Fernand Léger, Manuel Moldes, Rubén Santiago, Nora Aurrekoetchea, Misha Bies Golas e Kiko Pérez, de FMJJ; Sandra Le, de TBA21; e Castelao, Manuel Moldes, Arturo Souto e Mathias Withoos, do Museo de Pontevedra, que tamén achega numerosas pezas etnográficas e arqueolóxicas singulares: un frasco de cristal con “a uña da gran besta”, un chamador con forma de dragón, cerámica birmana, azulexos do século XV, amuletos…

O terceiro e último acto da exposición leva por título ‘Renacemento: aire’. Céntrase na relevancia da oralidade na transmisión da cultura, a partir da importancia que o medio aéreo ten e tivo para a comunicación. No caso concreto en Galicia, a exposición mostra que a tecnoloxía se viu como un elemento que complementa unha orografía complexa que fai difícil a reunión por terra pero á que pode chegarse polas ondas. As obras das coleccións particulares de Jorge Barbi e Mariña González Guerreiro; as de Pablo Picasso, Georg Baselitz, Wassily Kandinsky, Luis Gordillo, Mercedes Azpilicueta e June Crespo, de FMJJ; e a de Belén Rodríguez de TBA21; conversan coas máscaras de Castelao para ‘Os vellos non deben de namorarse’ e unha máscara púnica, con cornetas e un olifante sapi-portugués, con moldes de exvotos e os capiteis románicos de Bermés (Lalín), todo iso da colección do Museo de Pontevedra.

Como indica Susana González, directora da colección de arte Fundación María José Jove e comisaria da exposición, “a arte ofrece un espazo de absoluta liberdade para imaxinar realidades alternativas. Os artistas convídannos a adoptar novas perspectivas e a cuestionar as nosas conviccións, mostrando como a creatividade pode impulsar cambios e promover o entendemento na nosa sociedade”. González destaca que ‘A era dás fábulas’ pretende “traspasar límites e xerar outros relatos imaxinativos”.

Pola súa banda Chus Martínez, comisaria asociada de TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, remarca que “visitar unha exposición é un modo de iniciar conversacións moi necesarias no ámbito público sobre cuestións fundamentais”. Por iso recalca que ‘A era dás fábulas’ é “unha exposición de colección distinta ás usuais, pero non por iso menos próxima aos problemas que hoxe ten un museo que tenta achegar as pezas historias ao público e ao seu presente”.

A terceira comisaria e directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, destaca que “a exposición mostra como creacións de épocas e contextos culturais moi diversos ofrecen lecturas renovadas cando conversan entre si”. Así, na exposición atopamos obras dun amplo rango temporal, que vai desde unha herma dobre do século I d.C., que representa a Xúpiter-Amón e unha personificación de Exipto ou África, ata obras de Jorge Barbi, Noa e Lara Castro, Inês Zenha e Sonia Levy datadas en 2023. Tamén a diversidade cultural é notoria, atopándose xunto ás maioritarias creacións de ámbitos galego, peninsular e europeo, outras procedentes de Birmania, Serra Leona ou Brasil. 

Actividades relacionadas

A exposición completarase cunha serie de actividades relacionadas. Durante a inauguración, que terá lugar este mércores 10 de xullo ás 18:00 h, as artistas Noa e Lara Castro realizarán unha intervención artística en directo.  Pola súa banda, os sábados 13, 20 e 27 de xullo, desenvolveranse tres talleres dirixidos a público familiar e impartidos por Taller Aberto, cada un deles dedicado a un acto da exposición. En setembro haberá novas quendas.

Ademais, os talleres de verán previstos en agosto articularanse ao redor dos contidos da mostra: as dúas primeiras semanas, traballarán a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, da man de Leucoíña Pasea; e as dúas últimas, achegaranse á historia e a creación de mosaicos con 42º Noroarte, baixo a inspiración do mosaico de Baco sobre unha pantera presente na exposición.

O 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas. Está pendente de concretar a data na que arrincarán as visitas guiadas á exposición, que terán lugar os xoves ás 18:00 h.

Dossier para medios de comunicación

Galerias de imagenes

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.