Esgotadas as prazas dos cursos de cerámica e debuxo e pintura que ofrece o Museo de Pontevedra para público adulto

En apenas uns minutos colgouse o cartel de completo nestes obradoiros que se desenvolverán entre novembro e xaneiro e que impartirán as artistas Antía Sánchez e Nuria Figueiredo

31/10/2023

En cuestión de minutos esgotáronse as prazas dos cursos que ofrecerá o Museo de Pontevedra para iniciar o público adulto en diferentes técnicas artísticas coa colección da entidade como inspiración. Tanto o obradoiro de cerámica coma o de debuxo e pintura recibiron un aluvión de solicitudes e hai unha ampla lista de agarda no caso de que se produzan baixas.

O curso práctico de debuxo e pintura Imos Pintar ó Museo impartirao a artista Antía Sánchez. Desenvolverase ao longo de 12 sesións durante os meses de novembro e decembro de 2023 e xaneiro de 2024 e organízase en tres bloques. Así, as sesións de novembro estarán dedicadas ao autorretrato e, a partir da autocaricatura de Castelao, as persoas participantes aprenderán a debuxar o rostro e o corpo, viaxando desde a figuración ata a síntese dunha figura utilizando a liña e o plano de cor. Por outra banda, as sesións de decembro partirán de obras de Laxeiro e Arturo Souto para achegarse ás escenas de xénero, que enmarcan xente común dentro de accións cotiás. E en xaneiro a obra de Colmeiro será o punto de partida para introducirse na paisaxe e na cor.

O obradoiro de introdución á cerámica terá lugar os mércores de novembro e os de xaneiro e a docente será a creadora Nuria Figueiredo. Durante catro sesións, as persoas participantes explorarán diferentes técnicas de construción, coñecerán os estados da arxila e descubrirán técnicas de decoración; coceranseas pezas e veranse diferentes tipos de vidrados e decoracións con óxidos e pigmentos, para rematar cunha segunda cocción.