Esgotadas as prazas para a sexta ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” no esteiro do río Miño

A andaina gratuíta para a observación de aves que se desenvolverá no concello da Guarda terá lugar o próximo 8 de outubro

25/09/2023

En menos dunha hora esgotáronse as 25 prazas para a sexta das rutas ornitolóxicas ofertadas no marco do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, e que se desenvolverá o vindeiro 8 de outubro no esteiro do río Miño no concello da Guarda. A cita recibiu numerosas peticións e ademais de esgotar a totalidade das prazas, tamén se completou a lista de agarda.

As persoas, conducidas por dous guías ornitolóxicos de SEO Birdlife, percorrerán este espazo do sur, lindeiro con Portugal e protexido pola Rede Natura 2000. A desembocadura do río Miño forma este esteiro intermareal que conta cunha gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves, tanto acuáticas coma mariñas, rapaces ou paxaros palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…), variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos e mergullóns, ademais de aves mariñas, coma carráns cristados. Tamén é posible ver aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, á que se pode observar pescando.

Despois da andaina polo esteiro do río Miño, a última das rutas do programa en 2023 terá lugar o 26 de novembro, que se desenvolverá pola enseada de San Simón (concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra). A inscrición abrirase o 13 de novembro e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).