Dozón recibirá 90.000 euros do Plan Concellos para amoblar e equipar a Casa Consistorial

A achega da Deputación, xa aprobada pola Xunta de Goberno, permitirá complementar a rehabilitación do inmoble, financiada ao abeiro do Plan ReacPon

18/12/2022

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación ven de dar luz verde a unha nova achega do Plan Concellos por 89.901 euros para o Concello de Dozón, que se destinará aos traballos de amoblamento e equipamento da Casa Consistorial. Estes traballos complementan a rehabilitación do edificio, que se está a levar a cabo tamén con financiamento provincial a través do Plan ReacPon, e que unha vez finalizada o deixará en óptimas condicións de utilización.  Desta forma a reforma do Concello será financiada integramente pola Deputación

Esta achega permitirá dotar ao edificio dun mobiliario moderno para as zonas comúns e departamentos, así como do equipamento, imaxe corporativa e aspectos decorativos orientados a potenciar o seu porte institucional. No caso do mobiliario, amais do propio dos postos de traballo, inclúese tamén de apoio e  almacenamento. Amais, no salón de plenos colocaranse novas cadeiras de público, acordes co deseño escollido para os despachos de Secretaría e Gabinete de Alcaldía, dándolle continuidade ao novo deseño e creando un punto de contraste co mobiliario institucional existente nesta emblemática estancia. Escolléronse materiais e acabados de primeira calidade para favorecer a durabilidade, así como a resistencia e comodidade para desenvolver o traballo diario.

Por outra banda, realizaranse actuacións destinadas ao embelecemento de distintas zonas, Deste xeito, empregaranse espellos no corredor da planta alta, para crear distintos xogos visuais e de luz, e papel vinílico nos despachos, para dar profundidade e calidez aos espazos. Tamén se habilitará un xardín seco baixo a escaleira para poñer en valor este espazo e dar amplitude ao vestíbulo. A imaxe corporativa estará presente en diferentes puntos e estancias e, por outra banda, a Sala de Usos Múltiples, nomeada como “Sala Guntroda”, en homenaxe á fundadora do Mosteiro de San Pedro, en Dozón, levará un panel informativo na parede exterior, cunha breve explicación biográfica.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.