Dozón afronta a rehabilitación da Casa do Concello grazas ao Plan ReacPon da Deputación

Os traballos, que converterán este edificio nun inmoble innovador, accesible e sostible, foron visitados polo deputado Carlos Font e o alcalde, Adolfo Campos

18/08/2022

Casa do Concello de Dozón  

O Concello de Dozón poderá contar cun edificio innovador, igualitario, accesible e sostible desde o que prestar un servizo de calidade para a cidadanía grazas ao investimento do Plan ReacPon da Deputación, que permite a este municipio abordar a rehabilitación da Casa Consistorial de xeito integral e cun investimento de máis de 400.000 euros. O deputado Carlos Font e o alcalde, Adolfo Campos, visitaron hoxe estas obras, que se espera que poidan estar rematadas a finais deste ano.

A reforma da Casa do Concello, un edificio cunha antigüidade de preto de 50 anos, supón a obra máis ambiciosa levada a cabo neste municipio de pouco máis de mil habitantes. A actuación respecta o aspecto exterior do inmoble pero supón a total transformación do seu interior, cunha nova redistribución das estancias, agora en espazos diáfanos, para facilitar as súas condicións de uso e garantir unha maior luminosidade. Deste xeito, tan só se conservará o lucernario central, o artesonado de madeira e a vidreira co escudo do Concello, amais do mobiliario do salón de plenos, mentres que o resto do equipamento será renovado para garantir a súa funcionalidade. O orzamento total ascende a 405.381€, dos que 333.339€ son financiados pola Deputación a través do Plan ReacPon e 72.042€ polo Concello.

Na planta baixa situaranse as dependencias dirixidas á atención á cidadanía, mentres que na alta agruparanse as vinculadas á administración municipal. Igualmente, dotarase ao edificio de accesibilidade ao instalarse un ascensor e aseos adaptados nas distintas plantas. Mentres duran as obras de reforma, as dependencias municipais funcionan nun inmoble próximo.

O proxecto tamén está aliñado coas políticas de igualdade. Deste xeito, o salón de usos múltiples levará o nome de Guntroda Suárez, monxa fundadora do Mosteiro de San Pedro de Vilanova, un dos monumentos románicos máis singulares do concello. Ademais, crearase unha Oficina de Igualdade de apoio á muller na que se dará atención xurídica, social e psicolóxica ás que o precisen. Tamén haberá unha oficina vencellada coas persoas peregrinas onde se achegará todo tipo de información sobre o patrimonio cultural e natural do concello.

Amais, a nova Casa Consistorial será un edificio dixitalizado coa incorporación de novas tecnoloxías que facilitarán o acceso autónomo por parte da cidadanía, con pantallas ou sistemas guiados por voz. Tamén se incorporarán criterios de eficiencia enerxética, como a substitución das luminarias actuais por outras LED ou a redución do consumo de auga e mellora das condicións térmicas interiores. O proxecto contempla así mesmo a mellora das condicións de salubridade do aire interior, con medidores de CO2.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.