Luis López festexa o Día do Enoturismo no castelo de Soutomaior participando na cata organizada pola Ruta do Viño Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra estivo acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, na novena edición da cata amateur que organiza esta entidade e anunciou unha axuda de 20.000 euros para a asociación Ruta do Viño Rías Baixas

12/11/2023

Dia munidal del Enoturismo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este domingo a concesión dunha subvención á asociación Ruta do Viño Rías Baixas por valor de 20.000 euros para axudar no seu labor de promover os viños da denominación de orixe Rías Baixas e o enoturismo na provincia de Pontevedra. Fixo este anuncio durante a celebración da IX Cata Amateur do Viño Rías Baixas que organizou esta entidade no castelo de Soutomaior e na que participou tamén a deputada de Turismo, Nava Castro. “Non me canso de dicir que Pontevedra é gozar. Hai moito do que gozar nas Rías Baixas, pero, sen dúbida, o viño que leva o seu nome é un dos mellores produtos que lles podemos ofrecer aos nosos visitantes”, declarou o mandatario provincial, que tamén quixo destacar o “excelente traballo” que están a facer tanto a D.O. Rías Baixas coma a Ruta do Viño por “promocionar fóra das nosas fronteiras o noso viño e o noso territorio”.

Co gallo da conmemoración do Día Mundial do Enoturismo, a asociación Ruta do Viño Rías Baixas organizou no castelo de Soutomaior a novena edición da súa clásica cata amateur, na que as e os asistentes degustaron diferentes caldos da denominación de orixe Rías Baixas.

No seu discurso, Luis López subliñou que o enoturismo é unha das grandes fortalezas do destino turístico Rías Baixas e amosou o compromiso do seu Goberno para seguir apostando polo turismo. “Somos unha potencia en turismo, pero aínda non tocamos teito. Podemos atraer máis visitantes internacionais, podemos desestacionalizar as visitas e podemos fomentar máis o termalismo, o noso patrimonio ou a nosa natureza”, remarcou López apelando a esas e eses turistas potenciais que aínda non descubriron As Rías Baixas.

Para chegar a eles, a Deputación traballa na elaboración dun plan estratéxico de turismo que contará coa profesionalidade do Observatorio Rías Baixas e coa oficialidade do Instituto Nacional de Estatística para trazar plans de acción concretos.

Unha estratexia na que o tecido asociativo e empresarial deste sector xogará un papel fundamental. É por iso que o presidente aproveitou este acto para anunciar a concesión desta subvención de 20.000 euros á asociación Ruta do Viño Rías Baixas e informou tamén da convocatoria doutra liña de axudas, dotada con 180.000 euros en concorrencia competitiva, para levar acabo actividades turísticas.

Castelo de Soutomaior

A Deputación escolleu para a conmemoración do Día Mundial do Enoturismo o castelo de Soutomaior porque “a enoloxía e o turismo son dúas das nosas grandes fortalezas como destino turístico. Polo tanto, tiñamos que celebrar este día na fortaleza por excelencia da nosa provincia: o castelo de Soutomaior”, remarcou Luis López, convencido de que este espazo é “un dos nosos máis importantes elementos de atracción turística e símbolo da nosa fortaleza como provincia”.

O presidente provincial insistiu tamén en que este castelo “é patrimonio de todas e todos os pontevedreses” e que empregalo para organizar eventos deste tipo demostra a súa utilidade para “tender pontes entre a Administración, a cidadanía e o tecido produtivo e empresarial da nosa provincia”.

Galerias de imagenes