A Deputación leva a fantasía ás rúas da cidade de Pontevedra para celebrar o Día Mundial do Teatro

A Deputación organizou o espectáculo na rúa “Danza dos Paxaros” de Can Cun Quinqué e a función “O vendedor de fume” de Teatro Ghazafelhos, que xuntou máis de 100 persoas na escalinata exterior do Pazo provincial

27/03/2023

Día Mundial do Teatro

As rúas de Pontevedra enchéronse esta tarde de cores, ledicia, alegría, espectáculo e cultura para celebrar o Día Mundial do Teatro da man da Deputación de Pontevedra. Centos de veciñas e veciños da cidade sorprendéronse coas accións que organizou a institución provincial no espazo público cun pasarrúas e unha función que colgou o cartel de ‘completo’ ao encher as 100 cadeiras dispoñibles para o público. Baixo o lema “O teatro, unha viaxe de fantasía”, a institución provincial organizou dous espectáculos de índole familiar, aos que asistiu a presidenta provincial Carmela Silva, para abrir o pano e achegar o teatro á rúa e ás máis cativas e cativos, facendo voar a súa imaxinación e amosándolles outras historias e recordos. A celebración arrincou ás 17:30 horas na praza da Ferrería, co espectáculo de animación na rúa “Danza dos Paxaros”, a cargo da compañía Can Cun Quinqué, e continuou ás 18:30 horas coa función “O vendedor de fume” da man de Teatro Ghazafelhos na escalinata exterior do Pazo provincial.

A presidenta Carmela Silva deu a benvida ás nenas e nenos e as familias que asistiron aos actos de celebración do Día Mundial de Teatro. Convidounas “a soñar a través do teatro, que é unha ventá aberta a uns mundos de fantasía onde todo é posible” e fixo fincapé na necesidade “de nunca limitar a imaxinación das nenas e nenos, porque é moi importante para o seu desenvolvemento”. A presidenta da Deputación asegurou que “a cultura é o que move o mundo, xa que fai que persoas moi diversas nos xuntemos arredor dela” e destacou a súa capacidade “de facernos mellores persoas a través das reflexións que podemos extraer dela”.

A “Danza dos paxaros” de Can Cun Quinqué consistiu nun percorrido divertido polas rúas de Pontevedra, un pasarrúas onde bailaríns e bailarinas interpretaron a grandes e vistosos paxaros cabezudos baixo a dirección dun ornitólogo que, coa compañía da música, dunhas vistosas vestimentas e moito humor e ritmo, foi percorrendo o espazo público da cidade para sorprender as persoas presentes e participar con elas. Pola súa parte, a función de teatro familiar “O vendedor de fume”, de Teatro Ghazafelhos, amosou a historia dun vendedor de remedios que acaba de chegar á cidade cun carromato cheo de frascos misteriosos e dous acompañantes que fixeron rir o público a través da maxia, do teatro e da música. O vendedor intentou vender os seus produtos ás rapazas e rapaces: ungüentos para facer medrar o cabelo, elixires para o catarro, remedios para quitar lunares peludos ou produtos para o afeitado e a extracción do apéndice, “por moi pouco diñeiro a súa vida cambiará, e de que maneira!”.

O Día Mundial do Teatro celébrase cada ano o 27 de marzo desde 1961 por iniciativa do Instituto Internacional de Teatro para dar a coñecer o que representa esta disciplina para a cultura a nivel mundial. A Deputación súmase a esta conmemoración para apoiar o colectivo profesional do teatro e dar visibilidade a un sector que precisa da proximidade do público.

Galerias de imagenes

videos