O MARCO acolle a presentación do libro de Ledicia costas inspirado no xoguete gañador do concurso provincial “Búscase a Talento” e en Iria, a nena que o creou

A presentación de “Alma e Corazón, unha aventura multicolor” reuniu a máis dun centenar de alumnas e alumnos do CEIP Virxe de Rocío de Vigo

24/03/2023

Día do teatro

Foi unha marabillosa “viaxe de fantasía”, de grandes emocións e, sobre todo, de moitísimo “talento”. O escenario, o salón de actos do MARCO de Vigo; as protagonistas: a alumna do CEIP Virxe do Rocío Iria Portabales, a escritora Ledicia Costas, e a presidenta provincial, Carmela Silva. E o pano elevouse para unha celebración anticipada do Día Mundial do Teatro cunha proposta da Deputación chea de sorpresas que conxugou “toda unha singladura” ao redor do mundo da cultura. En primeiro lugar, a presentación do libro Alma e Corazón, unha aventura multicolor, da escritora Ledicia Costas e ilustrado por Blanca Millán, inspirado no xoguete Talento, co que a nena Iria Portabales gañou o concurso creativo de xoguetes non sexistas promovido pola institución provincial. Máis de cen alumnas e alumnos deste centro vigués arrouparon hoxe á súa compañeira nun periplo que se pechou co espectáculo “Asdomare”, con Vero Rilo e o acordeonista Santi Cribeiro. “Hoxe é un día para celebrar a cultura -destacou Carmela Silva- que é fundamental, porque temos que vivir e educarnos con ela”.

Foron precisamente unha e un compañeiro de 5º curso do colexio onde estuda Iria quen conduciron o evento no Salón de Actos do MARCO. A primeira sorpresa levouna a gañadora do certame “Búscase a Talento”, porque descubriu ao chegar que, amais do personaxe co que acadou este concurso, ela mesma é tamén protagonista do libro. A escritora Ledicia Costas e a ilustradora Blanca Millán baseáronse nela para recrear o aspecto de Iria nas páxinas desta obra. “Estou súper contenta e ilusionada de que o meu debuxo saia nun conto de Ledicia Costas –contou unha emocionada e fortemente ovacionada Iria Portabales- , porque é unha das escritoras que leo pola noite. Cando Talento naceu na aula de plástica, eu non imaxinaba que ía estar hoxe aquí e estou moi agradecida”.

A presidenta provincial, Carmela Silva, louvou o excepcional traballo de Iria, “cuxo personaxe era impresionante e deixounos a todas e todos abraiados; é un xoguete que salva ao mundo, un xoguete poético, non violento, deseñado por ela, que fixo maxia coa súa creación”. Explicou que esa maxia continuou no libro creado por Ledicia Costas, “a autora que mellor escribe literatura infantil, xuvenil e adulta, unha escritora mundial que amais é unha humanista, cunha extraordinaria sensibilidade” que decidiu que a nena fose tamén a personaxe do conto. “E así –destacou- Iria converteuse da súa man e da de Blanca Millán na protagonista que fai cousas únicas, como fan todas as mulleres fortes e valentes que salvan o mundo”. A presidenta concluíu enxalzando o papel das mestras e mestres na implicación do alumnado na loita pola igualdade, en especial o profesorado do CEIP Virxe do Rocío “que promove tanto a creatividade e traballa co talento das nenas e dos nenos. Porque se hai alguén neste planeta que teña talento e creatividade no ADN son as rapazas e os rapaces e se non o alimentamos, vaise perdendo. Este centro de Vigo fomenta moitísimo a educación en valores”.

No acto tamén interveu a directora do centro, Ánxela Novoa, que agradeceu á Deputación a celebración do acto “e o seu interese amosado polo ensino público” e a Ledicia Costas a súa colaboración neste proxecto “que é especialmente emocionante para toda a comunidade, especialmente para Iria e a súa familia”. “Nós somos unha escola pública que da moita importancia ao valor que dades  con estes concursos a todos os talentos que temos na escola –sinalou-. Temos moitos talentos que son todos os nenos, as nenas, mestres e mestras e todas aquelas persoas que forman parte da nosa comunidade educativa”.

Para Ledicia Costas é a primeira vez que escribe un libro a partir dun personaxe creado por unha nena e subliñou ante o seu “público favorito” o “privilexio” que supuxo este encargo a partir da creación de Iria, “un súper personaxe, que sae dunha súper alumna dun súper colexio, porque é un colexio que visito non todos os cursos pero case, e podo presumir que é dos que mellor traballan o libro e valoran a lectura”. Explicou que non tardou “nin tres segundos” en aceptar o reto, “porque nestas aventuras hai que embarcarse”, e remarcou a aposta da Deputación pola igualdade e a cultura. “Hoxe –concluíu- é un día de celebrar, e sobre todo felicitar a tanto Iria e a súa familia, porque todo o mundo esta súper orgulloso de ti”.

Alma e Corazón, unha aventura multicolor conta a historia de Talento, un planeta marabilloso que existe grazas á imaxinación das nenas e dos nenos. As e os seus habitantes enfróntanse a un grave problema: están empezando a desaparecer. Por iso Alma (o personaxe creado por Iria) e o seu Corazón emprenden unha viaxe ata a Terra (máis concretamente Vigo)  para atopar a Iria, a única nena que pode entender o perigo que corren e axudalos nesta carreira contra reloxo pola supervivencia da súa especie. A Deputación vai repartir máis dun milleiro de exemplares desta obra nos centros educativos da provincia.

O acto pechouse co espectáculo teatral “Asdomare” a cargo de Vero Rilo, quen xunto ao acordeonista Santi Cribeiro contou co seu peculiar estilo “historias das mulleres do mar ou do mar das mulleres”. Nesta narración, na que estivo acompañada do acordeonista Santi Cribeiro, a intérprete identificou “Asdomare” coa “senda dos faros que alumean A Maruxaina, os cantos das conserveiras... Todo o que o mar quita, todo o que o mar deixa”. En definitiva, historias e cantos que conformaron “unha fermosa singradura  polo mar das emocións e sororidade”.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.