A Deputación súmase este sábado á celebración do Día das Artes Galegas dedicado a Martín Códax con actividades para divulgar a súa figura

Ao longo de todo o mes de abril desenvolveranse concertos didácticos e obradoiros de caligrafía medieval en centros de Nigrán, Vigo, Moaña e Redondela. O 4 de maio a sede da Deputación en Vigo acollerá un concerto de Doa Dúo para poñer en valor ao trobador

31/03/2023

A Deputación volve sumarse á celebración do Día das Artes Galegas que promove a Real Academia Galega de Belas Artes este sábado, 1 de abril, e que no 2023 protagoniza o trobador Martín Códax. Deste xeito, a Administración provincial desenvolverá diversas actividades para poñer en valor o legado deste músico da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, orixinario de Vigo, protagonista das cantigas galegas e icona histórica, cultural e identitaria de Galicia. O programa deseñado pola Deputación pon en relación a música, a historia, a arte e a creatividade e implicará de xeito especial ao alumnado de Primaria e Secundaria de centros educativos da contorna de Vigo (pola relación do trobador coa cidade e a súa ría), amais de incluír un concerto de música medieval con Doa Dúo o 4 de maio na sede de Vigo.

Deste xeito, no caso de Primaria, os e as escolares dos CEIP Altamar de Vigo e o CEIP Plurilingüe de Redondela desfrutarán o 14 e o 25 abril respectivamente dun concerto didáctico de instrumentos medievais a cargo do músico e investigador Pablo Carpintero e a especialista en canto e danza Rosa Sánchez. Rosa e Pablo ofrecerán unha entretida charla-concerto, na que explicarán o uso destes instrumentos medievais utilizados por trobadores como Martín Códax, afondando na súa historia e a súa significación para a nosa cultura. Empregarán pandeiros e pandeiras, ferreñas, rabeis, trompas ou berimbaus, a Rosca do Baixo Miño, o alboka, diversos tipos de instrumentos infantís e outros de gaitas de fol, pois recentemente Carpintero demostrou mediante un modelo matemático e probas do carbono 14 que a gaita de Xan Tilve, gaiteiro de Campañó (Pontevedra) foi construída a mediados do século XV e empregada ata mediados do XX.

No que atinxe a Secundaria, celebrarase co alumnado do IES As Barxas de Moaña (17 de abril) e do CPI Arquitecto Palacios de Panxón, en Nigrán, (25 de abril) un obradoiro de iniciación á caligrafía medieval, a cargo da ilustradora especializada en caligrafía artística María Sancho. Neste taller, Sancho achegará ás e aos estudantes esta escritura a través dunha viaxe que vai dende a caligrafía medieval (tomando como referencia o Pergamiño Vindel, que recolle sete Cantigas de Amigo do trobador Martín Códax) ata a caligrafía contemporánea.

O acto central para homenaxear a Martín Códax con motivo do Día das Artes celebrarase o 4 de maio na sede da Deputación en Vigo cunha actuación a cargo de Doa Dúo, formado por Susana de Lorenzo e Xoán Piñón. O dúo é parte da formación Doa, que naceu no ano 1978 e que iniciou a súa traxectoria coa mestura da música tradicional e medieval de Galicia e outros países do eixo Atlántico con outros estilos, dun xeito moi persoal. Na actualidade, utiliza modos de expresión contemporánea e a mestura de instrumentos populares con tecnoloxías de última xeración. Durante a actuación, tamén participará a ilustradora María Sancho cunha demostración en directo do seu traballo coa caligrafía medieval. Por motivos de aforo, para asistir a este acto é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es.