A Deputación súmase ao Día da Muller e da Nena na Ciencia espertando vocacións técnicas e visibilizando as mulleres tecnólogas da provincia

A institución celebrou esta semana ata 10 actividades no marco da “Tecnolóxicas Week” e premiou os mellores expedientes académicos da Universidade de Vigo nos “Girl Geek Covid”

11/02/2023

Día da Muller e da Nena na Ciencia

A Deputación de Pontevedra desenvolveu accións durante toda esta semana para amosar a súa preocupación ante as baixas cifras de rapazas e mulleres que se matriculan en especialidades STEAM e que traballan con perfís técnicos e tecnolóxicos. Co gallo da celebración hoxe 11 de febreiro do Día da Muller e da Nena na Ciencia, a institución provincial puxo en marcha unha programación especial con diversas actividades que buscaban un dobre obxectivo: fomentar vocacións técnicas entre as rapazas á vez que se dá visibilidade á contribución das mulleres ao sector industrial e a figura de mulleres referentes da provincia.

No marco da “Tecnolóxicas Week”, a Deputación de Pontevedra e ASIME impulsaron ata 10 actividades nas 10 comarcas da provincia para amosarlle á mocidade, sobre todo a nenas e rapazas, a realidade da industria, especialmente no campo do metal. A través destes eventos a rapazada puido coñecer os traballos que se poden desenvolver no sector co obxectivo de espertar vocacións técnicas para que cursen estudos da rama STEAM e así paliar a falta de persoal cualificado no sector e, pola outra banda, incorporar máis perfís de mulleres en postos técnicos e tecnolóxicos, xa que se ben a falta de persoal é xeneralizada, esta falta é máis grave no caso das mulleres.

Algunhas destas actividades puxeron o foco en dar a coñecer referentes de mulleres tecnólogas da contorna, como outro incentivo de espertar vocacións temperás entre as nenas e adolescentes. Mulleres profesionais do talle de Belén Pérez, CISO (Chief Information Security Officer) de Nueva Pescanova; ou Eliana Pardo, Business Development Manager de RIA 21 –que ofreceron dúas charlas sobre ciberseguridade para o alumnado da cidade de Pontevedra e de Cangas–. Tamén Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica e divulgadora; e Sabela Vázquez, usuaria do programa Tecnolóxicas polo que se incorporou cun contrato a esta empresa –ofreceron unha charla na Cañiza–, e tamén Amparo Alonso, Catedrática e Investigadora en Intelixencia Artificial da Universidade de Coruña; Marta Fernández, Project Manager de Gestamp; e Icíar Balza, Directora Xeral de Transformación Dixital do Grupo Gonvarri Industries –que participaron nunha mesa redonda na sede de Vigo da Deputación na que tamén interveu Lorena Rosende e que serviu este venres de broche final á “Tecnolóxicas Week”.

Tamén se organizaron visitas a empresas industriais: alumnado de Tui visitou Utingal S.L, Antobal S.L. e Pipeworks S.L., alumnado de Ponteareas visitou Talleres Ganomagoga S.L.U. e Panelship S.L., alumnado de Silleda visitou as instalacións de Industrias Guerra (planta de Vila de Cruces) e Sotega Noroeste S.L. e alumnado de Valga coñeceu por dentro a empresa Extrusionados Galicia. Tamén co gallo da “Tecnolóxicas Week” impartíronse dous workshops infantís nos que rapazada da Estrada e do Grove aprenderon a programar informaticamente dunha forma lúdica.

Premios ás mellores estudantes de ciencia e enxeñaría da Universidade de Vigo

Ademais, a Deputación de Pontevedra, da man da UVigo, tamén entregou esta semana os galardóns da 3ª edición dos Premios “Girl Geek Covid” –que pasarán a chamarse “Girl Geek Power” a partir da seguinte convocatoria– enmarcados na Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada coa Universidade. O acto recoñeceu os mellores expedientes de alumnas das carreiras de ciencias e enxeñarías: os de Esther Lago Sampedro (estudante do Grao en Química) e Henar Mariño Bodelón (estudante do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación), que levaron cadanseu primeiro premio, e Iliana Durán Alonso (alumna do Grao en Bioloxía) e Laura Núñez Álvarez (alumna do Mestrado Universitario en Enxeñaría Industrial), que acadaron os accésits.

Aínda que o alumnado na Universidade de Vigo é paritario (48% de homes e 52% de mulleres), , as mulleres son maioría nas artes e humanidades (73%), ciencias da saúde (78%) e ciencias sociais e xurídicas (60%), mentres que na rama de enxeñaría e arquitectura o 77% do alumnado son homes. A fenda é máis relevante se se ten en conta que o alumnado destas áreas representa o 27,5%. Ademais, estes ámbitos son os que concentran o groso das carreiras STEM/CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) que se imparten na universidade. En total, das 7.615 persoas que cursan ciencias, enxeñaría e arquitectura só o 32% son mulleres. Porén, nalgúns casos como no grao de Enxeñaría Aeroespacial e no grao de Intelixencia Artificial estase a evolucionar cara a unha representación equilibrada no número de mulleres e homes matriculados: esta mudanza nos datos deixa intuír que se está iniciando un cambio de tendencia.

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia pretende conectar a comunidade internacional coas mulleres e as nenas da ciencia, reforzando os lazos entre ciencia, política e sociedade para buscar estratexias orientadas a mellorar o seu futuro. Non atraer mulleres aos sectores tecnolóxicos suporía perder 820 millóns de euros ata 2050, mentres que incorporalas en empregos dixitais tería un beneficio de ata 16 billóns de euros anuais para o PIB da Unión Europea. Ademais, a igualdade e o apoderamento das nenas e mulleres contribúe ao progreso de todos os obxectivos e metas da Axenda 2030.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.