A Deputación acolle a charla sobre ciberseguridade para rapazada no marco do "Tecnolóxicas Week"

Carmela Silva asistiu á actividade impartida pola xefa de ciberseguridade de Nueva Pescanova, Belén Pérez, cunha masiva presenza do alumnado dos IES Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra

08/02/2023

IV EDICION ESCOLA DE LETRAS

En pleno ecuador da “Tecnolóxicas Week”, o Salón de Plenos do Pazo provincial encheuse hoxe coa nova actividade impulsada pola Deputación de Pontevedra e ASIME para fomentar as vocacións técnicas entre a xente nova, con especial fincapé nas nenas e rapazas dada a fenda de xénero existente tanto no sector profesional como nos estudos da rama. Máis de 150 alumnas e alumnos dos institutos Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra asistiron á charla sobre ciberseguridade impartida por Belén Pérez, CISO (Chief Information Security Officer) de Nueva Pescanova e coordinadora en Galicia do CCI (Industrial Cybersecurity Center). A presidenta, Carmela Silva, asistiu a esta acción que forma parte dos 10 eventos programados ata o venres en concellos das 10 comarcas da provincia, xusto antes do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia que se celebra este mesmo sábado.

A presidenta da Deputación asegurou que “a ciberseguridade é moi importante para as empresas, administracións e todas e todos nós porque estamos moi expostas e expostos ás redes sociais e os nosos datos poden empregarse para fins negativos”, polo que “é moi interesante ter coñecementos desde que somos persoas novas”. “É fundamental que na actividade educativa estea a realidade do mundo, porque o noso mundo é tecnolóxico e a intelixencia artificial é algo do presente, polo tanto como sociedade temos que sermos capaces de afrontar este mundo novo”, reflexionou.

Carmela Silva lembrou que “Tecnolóxicas” nace da preocupación da Deputación e ASIME, por unha banda, ante a enorme demanda de perfís profesionais técnicos e a escasa oferta e, pola outra, do baixo número de matriculación de mulleres nestas especialidades. “Preocúpanos porque cando analizamos o que acontece na educación obrigatoria vemos que as nenas son moi boas en matemáticas pero non escollen esas carreiras senón outras ligadas ao coidado, que son fundamentais –educación, sanidade, recursos humanos…– pero que tamén se van prestar a través de novas tecnoloxías como a intelixencia artificial”. A presidenta animou as rapazas “a matricularvos nas carreiras tecnolóxicas e que ninguén vos poña límites, xa que case todos son impalpables”. Tamén lembrou que “se sempre nos din que o noso son os coidados non reparamos en que temos esta opción, pero témola. As mulleres podemos e debemos estar en todo”.

A tecnóloga Belén López baseou a súa charla en catro alicerces: a identificación dos riscos no uso global das tecnoloxías da información e comunicación, os riscos e consecuencias do seu mal uso, a identificación de pautas para actuar ante elas e a adquisición de bos hábitos no seu uso. Pérez asegurou que “tamén hai que coidar a tecnoloxía, que é algo que non se deixa nunca de aprender”. Pérez fixo unha comparación entre Internet e a condución dun vehículo: “igual que se ensina o código de circulación e as normas de seguridade viaria, deberíamos ensinar as normas de uso da Internet e dos smartphone e o que pasa se non as cumprimos”, xa que “igual que un coche en malas mans pode ser unha arma, cun smartphone tamén se poden cometer delitos”.

Belén Pérez puxo exemplos dalgúns deses delitos, como “compartir calquera imaxe, vídeo ou número de teléfono sen o consentimento da persoa propietaria deses datos persoais”, por exemplo engadindo alguén a un grupo de WhatsApp sen preguntarlle primeiro. Precisamente sobre a popular rede social, Pérez lembrou que a idade mínima para poder rexistrarse é de 16 anos, e se calquera menor o fai sen autorización da nai ou pai estaría cometendo un delito de falsificación de documento público, tipificado no código penal de menores e imputable por un xuíz ou xuíza.

En canto aos perigos, salientou a tecnoadicción, considerada xa unha enfermidade pola Organización Mundial da Saúde e con profesionais tratándoa. España é o país con maior proporción de adolescentes con tecnoadicción: afecta a arredor do 1,5% e 70.000 menores. Contra iso, asegurou, “debemos dosificar o seu uso” xa que se non, ademais de caer en posibles adiccións, “convertémonos nunha prolongación da tecnoloxía cando esta debería ser unha ferramenta de axuda para nós”. Tamén animou a rapazada a seren conscientes da información sobre si mesmas e mesmos que está dispoñible en Internet “sen o noso control e que non podemos borrar aínda que queiramos”. Calquera cousa, unha vez subida, “escapa das nosas mans, non podemos saber nin quen nin para que a pode empregar e podemos ter algún desgusto”, afirmou.

Máis actividades de “Tecnolóxicas Week” durante a semana

No marco da “Tecnolóxicas Week”, tamén hoxe en Deza alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP de Silleda está a visitar as empresas Industrias Guerra (planta de Vila de Cruces) e Sotega Noroeste S.L. Mañá xoves é a quenda do Morrazo e O Salnés: en Cangas, Eliana Pardo (Business Development Manager de RIA 21) imparte unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no Salón de Actos do Concello de Cangas, e no Grove, a Casa do Concello acolle de 17:00 a 18:00 h un workshop de programación informática para nenos e nenas de 8 e 9 anos. Por último, as actividades rematan o venres nas comarcas de Ulla-Umia e Vigo. Alumnado de Valga de 3º e 4º de ESO ou FP visitará a empresa Extrusionados Galicia, e a sede de Vigo da Deputación acollerá ás 11:00 horas unha mesa coloquio con Amparo Alonso, Catedrática e Investigadora en Intelixencia Artificial da Universidade de Coruña; Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica; Marta Fernández, Project Manager de Gestamp e Icíar Balza, do Grupo Gonvarri Industries.

Galerias de imaxes