Deputación e Xunta de Galicia firman o protocolo para iniciar a transferencia do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería
Carmela Silva: “Hoxe é un día importante para a provincia e para Galicia. Fomos capaces de sentarnos e traballar conxuntamente para poder garantirlle un gran futuro á Finca de Lourizán e á Escola de Cantería”
05/07/2022
A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia iniciaron hoxe o proceso para a transferencia á comunidade autónoma do Pazo e Finca de Lourizán e da Escola de Cantería coa sinatura do protocolo xeral de intencións a cargo da presidenta provincial, Carmela Silva, e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. O acto celebrouse na Sala de Xuntas do Pazo Provincial de Pontevedra coa asistencia do vicepresidente da Deputación, Cesar Mósquera, o conselleiro de Medio Rural, José González, o deputado de Réxime Interior, Carlos Font, a directoral xeral de Administración Pública, Natalia Prieto, a deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas, o secretario xeral de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López.
“Hoxe é un día importante e especial para a provincia e para Galicia” asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra ao referirse á sinatura do protocolo “de enorme relevancia e valor”. “Estamos –remarcou- falando dun acordo de transferencias entre institucións que foron capaces de sentarse e traballar conxuntamente para poder garantirlle un gran futuro á Finca de Lourizán e a Escola de Cantería”. Carmela Silva situou este protocolo na reunión mantida no 2017 entre a Deputación e a Xunta na que se formularon “diferentes cuestións entre as que se atopaban a necesidade de comezar a falar de moitos servizos que esta institución provincial prestaba e que nós críamos que era necesario estudar a posible transferencia”. “Hoxe hai un compromiso claro de ambas institucións para facer estas transferencias”, asegurou ao tempo que adiantou que “iniciamos o procedemento administrativo, a vontade política para dar diferentes pasos e que sexan unha realidade canto antes. Intentaremos ir o máis rápido posible para que xa no 2023 a Xunta poida poñer en marcha proxectos potentes na Finca de Lourizán e a Escola de Cantería”.
Pola súa banda o vicepresidente da Xunta de Galicia destacou que a titularidade da Finca de Lourizán vaille permitir á Xunta traballar na recuperación dun espazo de alto valor histórico e natural. Canto á Escola de Cantería de Poio, Diego Calvo destacou que co traspaso da súa titularidade impulsaranse as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas. A Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades ten previsto analizar as instalacións e os posibles ciclos a implantar, tras consultar o empresariado do sector e avaliar a demanda. Deste xeito, refórzase a aposta do Goberno galego por estas ensinanzas, garantía de emprego e de profesionalización.
Tanto a presidenta da Deputación como o vicepresidente da Xunta de Galicia tiveron palabras de agradecemento para o persoal técnico e político implicado no protocolo, “que levan meses traballando para que saia adiante con total discreción”. Fixeron un recoñecemento especial ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e ao vicepresidente da Deputación, César Mosquera, por ter iniciado as conversas para levar a bo porto o protocolo. Ademais Carmela Silva avanzou que xa se mantivo unha reunión coas persoas directivas da Comunidade de Montes en cuxos terreos está asentada a Escola de Cantería, que amosaron “a súa total conformidade con este paso que estamos a dar”. Tamén informou que esta mesma mañá se deu conta do protocolo aos sindicatos e persoal traballador da Escola de Cantería, “xa que queremos que todas as persoas e institucións implicadas teñan toda a información do proceso”.
Unha vez iniciado o procedemento de transferencia por parte da Deputación de Pontevedra, cumprindo con todos os aspectos que a lei estipula, tomaralle o relevo a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e de Medio Rural, que desenvolverán proxectos para ambos espazos. Nestes momentos a Deputación de Pontevedra ten un convenio vixente coa Xunta de Galicia a través do cal a administración autonómica está a desenvolver nas instalacións da Finca de Lourizán diferentes actividades relacionadas coa política medioambiental e forestal. A partir da transferencia, tal e como explicou a presidenta, “garántese que teña un proxecto de futuro máis ambicioso, sobre todo neste momento onde o mundo ten que ir da man da aposta polo medio ambiente un modelo sostible”. En canto á Escola de Cantería, cunha “longa tradición e enorme futuro nun oficio que tanta pegada ten en Galicia”, Carmela Silva destacou que as súas e os seus profesionais “levan moito tempo reclamando unha formación profesional regrada e a única posibilidade de que sexa realidade é a través da xestión da Xunta de Galicia”.