A Deputación pon en marcha o programa Depoforest para crear emprego no medio rural e contribuir á protección integral do monte
O proxecto formativo, que se desenvolverá nos próximos meses, está cofinanciado con máis de 100.000 € pola Fundación Biodiversidad e o Fondo Social Europeo dentro do Programa Empleaverde, que busca acelerar a transición ecolóxica trala COVID-19
24/04/2022
O proxecto “Depoforest - Xestión integral e aproveitamento de piñeirais” da Deputación de Pontevedra ponse en marcha coa finalidade de facer fronte ao reto demográfico e ao despoboamento territorial. Para iso, apostará pola creación de emprego verde no medio rural, contribuíndo así á protección integral do monte dentro dunha estratexia forestal diversa e sostible.
O proxecto está cofinanciado ao 90% polo Fondo Social Europeo a través do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. En total, recibe para a súa posta en marcha 102.466,52 €, dos cales 72.751,23 € proveñen do Fondo Social Europeo e 19.468,64 € da Fundación. A contía restante da súa financiación, 10.246,65 € que corresponden ao outro 10%, corre a cargo da Deputación de Pontevedra.
O proxecto
Dúas terceiras partes da superficie total da provincia de Pontevedra están catalogadas como superficie forestal, sendo máis da metade superficie arbórea. E, en concreto, a plantación de piñeiros representa un 45%. Malia ser un tipo de cultivo forestal moi arraigado no territorio, na práctica totalidade dos casos só está explotado na súa vertente madereira, que obtén beneficios a longo prazo.
Por iso, o proxecto Depoforest buscará introducir a través de formación os coñecementos necesarios para realizar esa xestión a longo prazo e obter o maior beneficio conseguindo a mellor madeira de calidade. Pero tamén introducindo actividades económicas que, ademais de axudar a obter o mellor produto con vistas aos seguintes 15 ou 20 anos, poden ser fonte de ingresos complementarios de maneira máis periódica.
Unha das actividades na que se centrará é a extracción de resina, moi recente en Galicia pero cun gran potencial. Coa formación técnica necesaria, na que incidirá Depoforest, pode converterse nunha grande oportunidade laboral para as e os habitantes do medio rural de moitas zonas da provincia. Ademais, pode combinarse con outras actividades, como o aproveitamento micolóxico coas técnicas de micorrización ou gandería cunha vocación de sistema silvopastoril.
Depoforest desenvolverase en zonas rurais da provincia de Pontevedra, así como na comunidade autónoma de Castela e León, onde xa existe unha tradición máis estendida neste tipo de técnicas de aproveitamento. O proxecto irá destinado a persoas en situación de desemprego, tanto titulares de parcelas como habitantes do medio rural que teñan interese en desenvolver esta actividade de maneira externa. O prazo para solicitar una praza nesta actividade formativa abrirá nos próximos meses.
A formación contará con dúas partes: 22 horas de formación teórica en aula e 38 de práctica en parcelas. Ao estar destinada a persoas en situación de desemprego, a formación teórica incluirá tamén estratexias de procura de emprego. Ademais, na parte práctica, proxectaranse visitas a parcelas nas que xa se levan a cabo este tipo de actividades.
“Depoforest - Xestión integral e aproveitamento de piñeirais” desenvolverase ao longo de nove meses ao abeiro do Programa Empleaverde que, trala crise sanitaria provocada pola COVID-19, se centra na necesidade de acelerar a transición ecolóxica como elemento clave na fase de reconstrución. En concreto, fináncianse proxectos relacionados con ecosistemas terrestres ou co ámbito rural.