Máis de 30 entidades de persoas maiores comezan esta semana obradoiros de “Depo en marcha”

Persoas xubiladas e pensionistas de 20 concellos participarán no programa de envellecemento activo da Deputación de Pontevedra

05/09/2023

Un total de 33 entidades de persoas xubiladas e pensionistas de 20 concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores.

Os inicios da semana arrancaron o luns con oito novos obradoiros. Un total de 5 asociacións comezarán cursos de ximnasia de mantemento: a Asociación Muíños do Vento, de Catoira; a Asociación Cultural Beira do Río de Ponte Sampaio, de Pontevedra; o Centro Social Cultural e Recreativo da Terceira Idade de San Vicente de Trasmañó, de Redondela; e a Agrupación Musical do Rosal e a Asociación de Veciños de San Roque , de Vigo. Tamén o luns, a Asociación de Mulleres Veciñais O Castelo, de Pontevedra, iniciará o curso Conservando a Memoria. Ademais, a Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e Comarca comezará un curso de terapia emocional e a Asociación Cultural Xida, do Rosal, un curso de pilates.

O martes 5 de setembro será a quenda do comezo doutras seis accións. Tres colectivos iniciaranse nos obradoiros de ximnasia de mantemento: a Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, a Asociación de Veciños San Miguel de Lamela, de Silleda, e a Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo, da Estrada. Outras dúas entidades comezarán accións de conservación da memoria, concretamente a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán, de Mos, e mais a Asociación de Veciños de Alxán, de Soutomaior. Ademais, a Asociación de Mulleres Rurais Avelaíña, de Vilagarcía de Arousa, comezará un obradoiro de ioga.

O mércores 6 de setembro terán lugar outros seis inicios de obradoiros de “Depo en marcha”. Dous colectivos comezarán o obradoiro de conservación da memoria, a Asociación Veciñal Ponte de Mañufe, de Gondomar, e a Asociación de Veciños Xuntanza do Río Loira, de Seixo, Marín. Ademais, as Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco, de Caldas de Reis, comezarán un obradoiro de bailes de salón, a Fundación Pazo de Mos un obradoiro de teatro, a Asociación Cultural Son de Xeve, de Pontevedra, unha formación de pandeireta e canto popular e a Asociación de Veciños de San Miguel, de Vilagarcía de Arousa, un obradoiro de musicoterapia.

O xoves 7 de setembro tres asociacións iniciaranse nas habilidades dixitais para o uso cotián: a Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Uxía de Mougás, Oia; a Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado-Paradanta, con sede en Ponteareas; e mais a Asociación Veciñal San Pedro de Sárdoma O Carballo, de Vigo. A Asociación Cultural e Social de Soutelo, de Salceda de Caselas, comezará a súa formación en conservación da memoria, e outros dous colectivos, a Asociación de Veciños San Mamede de Torroso, Mos, e a Sociedade Cultural Deportiva San Martiño de Verducido, Pontevedra, cadansúa acción de bailes de salón. Finalmente, a Asociación de Mulleres Rurais de Caselas, Salceda de Caselas, comezará un obradoiro de plantas medicinais, a Unión Polideportiva Bolos da Carrasca de Nigrán comezará un curso de pilates e a Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada, Silleda, un curso de pandeireta e canto popular.

Por último, o venres 8 de setembro dous colectivos comezarán obradoiros de bailes de salón, a Asociación Fibromiño, da Guarda, e Doa Saúde Mental, de Vigo. A Asociación Juan XXIII, de Pontevedra, iniciarase na musicoterapia, e a Asociación Cultural Deportiva Cidadelle, de Redondela, comeza unha acción de risoterapia.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa, e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: Aprendendo da natureza, Móvete, activando corpo e mente, Enredando, Dálle marcha e En rede.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.