Máis de 60 persoas xubiladas da provincia comezan esta semana novos obradoiros de “Depo en marcha”
As actividades formativas deste programa co que a Deputación está a promover o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores na provincia comezan esta semana en catro entidades de Baiona, Redondela, Cangas e Mondariz
09/10/2023
Un total de 63 xubiladas e xubilados de catro entidades doutros tantos concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e de intercambio de experiencias para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores.
Desta maneira, nesta xornada do 9 de outubro comezan tres cursos novos. Así, 18 persoas da Asociación de Amas de Casa de Baiona iniciarán o obradoiro de musicoterapia; 15 da Asociación Sociedade Labrego Cultural de Reboreda de Redondela, o de plantas medicinais e outras 15 persoas da Asociación de Veciños de Pinténs de Cangas iniciarán o de pilates. Por outra banda, o venres 13 de outubro 15 persoas da Asociación de Veciños Xabriña de Mondariz comezarán o curso de plantas municipais.
Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en marcha”, que beneficia arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: Aprendendo da natureza; Móvete, activando corpo e mente; Enredando; Dálle marcha e En rede.