Máis de 300 persoas xubiladas da provincia comezan esta semana novos obradoiros de “Depo en marcha”
As actividades formativas deste programa co que a Deputación está a promover o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores na provincia comezan esta semana en 19 entidades en 15 concellos
02/10/2023
Un total de 326 xubilados de 6 entidades doutros tantos concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores.
Desta maneira, nesta xornada do 2 de outubro comezan seis cursos novos. 15 persoas da Asociación de Amas de Casa Albariño de Cambados comezarán o taller de habilidades dixitais para o uso cotiá; 24 da Asociación de Mulleres Rurais, Consumidoras e Culturais Adro Vello do Grove o de conservando a memoria; 25 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais San Vicente de Paúl da Illa de Arousa o de ximnasia de mantemento; 16 da Asociación Mulleres en Igualdade de Donramiro de Lalín e outras 20 da Asociación Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo de Vilagarcía de Arousa o curso de pilates, e 17 persoas da Asociación de Mulleres Poza da Moura de Domaio de Moaña o de restauración de mobles e tapicería.
O martes 3 de outubro iniciaranse cinco novos cursos. 15 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo comezarán o obradoiro de ximnasia de mantemento; 15 da Asociación Rural de Amas de Casa de Arnois da Estrada o de restauración de mobles e tapicería; 15 usuarios da Asociación de Mulleres en Igualdade de Moneixas de Lalín e outros 15 da Asociación Centro Cultural de Cillarga de Ponteareas empezarán o curso conservando a memoria, e 15 da Asociación de Veciños Agustín Romero de Cornazo de Vilagarcía de Arousa o de musicoterapia. Pola súa banda, o mércores 4 de outubro comezará o curso conservando a memoria para 19 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña de Campo Lameiro.
O xoves 5 de outubro comezarán cinco novos obradoiros. En concreto, 17 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Santa Mariña de Carracedo de Caldas de Reis, 23 da Asociación de Veciñas e Veciños Ameixoa de Salceda de Caselas, 15 da Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda e outras tantas da Asociación de Mulleres Rurais Fervenza do Castelo, tamén de Silleda, comezarán o curso de restauración de mobles e tapicería, e outras 15 da Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso de Mos o de plantas medicinais. Xa para rematar a semana, o xoves 6 de outubro 15 usuarios da Asociación de Veciños e Amigos Kenchodiría de Barcela de Arbo comezarán o curso conservando a memoria e outras 15 persoas da Asociación Cultural Nespereira de Pazos de Borbén o de plantas medicinais.
Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.