A Deputación reforza o seu compromiso coa formación de mulleres adestradoras ampliando a súa liña de axudas

Destina un total de 25.000 euros, 10.000 máis que o ano pasado, en becas de formación para as que desexen capacitarse en postos de técnicas e adestradoras

13/08/2022

Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova liña de axudas destinadas a impulsar a formación de mulleres para postos de adestradoras ou técnicas deportivas na provincia. Neste segundo ano de concesión de estas axudas, a contía incrementouse en 10.000 euros máis, pasando dos 15.000 euros da convocatoria pasada aos 25.000 euros. As interesadas poderán solicitar estas axudas a partir do día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata o 1 de decembro en réxime de concordancia non competitiva.

Estas achegas están dirixidas a propiciar o incremento do número de adestradoras e técnicas en todas as disciplinas dos equipos femininos e masculinos de base e de elite da provincia e rachar así coas actuais cifras de infrarrepresentación das mulleres neste eido.

As bases da convocatoria recalcan que o Plan integral para a actividade física do Consello Superior de Deportes amosa grandes desigualdades entre mulleres e homes, demostrando que a representación de mulleres nos cargos profesionais ou de persoal técnico só alcanza niveis de preto do 10% en relación co total. Polo tanto, a partir desta realidade e no marco da súa política transversal de Igualdade, a institución provincial busca con esta nova liña, amais de reforzar o seu compromiso coa formación das mulleres, paliar a escasa presenza feminina no ámbito do adestramento, fomentar un futuro  cun maior número de mulleres en altos cargos de decisión en organizacións deportivas.

As mulleres que desexen realizar estes estudos deben estar empadroadas na provincia ao menos desde o 1 de xaneiro do 2022. O importe máximo da axuda recibida será de 500 euros non podendo superar o 80% da matrícula en curso. As interesadas deberán presentar as solicitudes preferentemente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Deputación (sede.depo.gal) unha vez que se abra a convocatoria.