Culturgal sae por vez primeira de Pontevedra e expándese ata Vigo, cunha proposta de literatura e música na sede da Deputación

Culturgal Expandido comezará o xoves 23 de novembro e estenderase ata o venres 24 na sede viguesa da institución provincial

21/11/2023

imagen culturgal

A oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia segue a dar pasos cara adiante. Así, tras o coloquio sobre novela negra e social enmarcado no ciclo A Movida Literaria, que continuará a vindeira semana con outro sobre literatura infantil e xuvenil en Galicia, chega esta semana á sede de Eduardo Chao, Culturgal Expandido, unha proposta de literatura e música que supón tamén a chegada, por vez primeira e da man da Deputación, desta Feira das Culturas Galegas á cidade.

O xoves 23 e o venres 24 de novembro a Sede de Vigo acollerá esta “expansión”, de carácter simbólico e de balde, que anticipa unha liña de traballo entre Culturgal e a Deputación de Pontevedra que está previsto que continúe en futuras edicións. O programa dará comezo o xoves ás 18:00 horas cunha conversa arredor da memoria histórica na que compartirán impresións a escritora Iria Morgade, que acaba de publicar Quen escribirá a miña historia?, e a historiadora Alba Garrido, que investiga en De Galicia a Mauthausen as orixes, contextos, traxectorias vitais e experiencias dos galegos que remataron nos campos de exterminio do III Reich.

Nesa mesma xornada do xoves, ás 19:00 horas, a autora viguesa Iolanda Zúñiga e o pianista “cosmodisciplinar” Velpister, que ademais de músico e compositor é pintor, escultor, escenógrafo, narrador, poeta, actor e cantante, farán unha lectura-concerto que trasladará ata Vigo a aposta da Feira das Culturas Galegas polos formatos mestizos. Ás 20:00 horas, a artista de Vilagarcía de Arousa Catuxa Salom pechará a xornada coa sonoridade galega e arxentina que a caracteriza, nun formato que se desliza entre a música de raíz e a electrónica para explorar novos camiños.

Pola súa banda, o venres 24 de novembro, Culturgal Expandido arrancará ás 18:00 horas coa celebración do 40 aniversario dos Premios Xerais, que reunirá na Sede de Vigo a premiadas e premiados coma Pedro Feijoo, María Reimóndez, Manuel Esteban, Rexina Vega e Santiago Lopo, presentados polo director de Galaxia, Fran Alonso.

Tamén o venres, a partir das 19:00 horas, a poeta e actriz María Lado ofrecerá un recital enchoupado do seu estilo íntimo, irreverente e prosaico. Ás 20:00 horas Leilía compartirá co público a modo de entrevista as súas emocións ante a inminente xira de despedida Anque me vou, non me vou, nun avance do que poderemos ver no seu concerto en Culturgal.

“O noso obxectivo —asegurou a vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, na presentación das propostas culturais da Deputación na súa Sede de Vigo— é recuperar o papel da cidade como referente cultural”. Neste eido, Fernández-Tapias amosou o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha localidade que, “sendo berce da Movida dos anos oitenta, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.

Ademais de Culturgal Expandido e do ciclo de coloquios A Movida Literaria, que se pechará o vindeiro mércores 29 de novembro, ás 19:30 horas, cun debate sobre novela infantil e xuvenil no que participarán Ledicia Costas, Marcos Calveiro, María Reimóndez e Manuel Esteban, a Sede de Vigo acollerá Ultraluz, unha experiencia artística que lle dará vida á obra de Ledicia Costas o 19 de decembro, ás 20:00 horas, e que terá, tamén, réplica no Museo de Pontevedra o día 20.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.