A Deputación avanza en novas liñas de traballo centradas na cooperación municipal para concorrer a fondos europeos
Os deputados Jorge Cubela, María Ramallo e Javier Tourís reuníronse co equipo de Fondos Europeos da Deputación para impulsar proxectos de emprendemento xuvenil e para facerlles fronte ao reto demográfico e á fenda dixital das persoas maiores
18/12/2023
A Deputación de Pontevedra está a traballar no avance de novas liñas de traballo centradas na cooperación municipal para concorrer a convocatorias de fondos europeos. Os deputados Jorge Cubela, María Ramallo e Javier Tourís reuníronse co equipo de Fondos Europeos da Deputación para impulsar proxectos centrados no emprendemento xuvenil e para facerlles fronte ao reto demográfico e á fenda dixital das persoas maiores.
Na liña municipalista do Goberno provincial, os deputados provinciais avanzaron que a cooperación cos concellos será prioritaria no marco dos novos proxectos que concorran a fondos europeos. Deste xeito, o obxectivo principal é impulsar actuacións que permitan seguir avanzando e tendendo pontes cos concellos para prestar un mellor servizo público, con infraestruturas e dotacións públicas avanzadas, encamiñadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza da provincia.
Os proxectos irán, ademais, en liña co impulso do Goberno provincial do emprendemento xuvenil e na xeración de oportunidades para a mocidade no territorio. Deste xeito, tamén se pretende facerlle fronte ao despoboamento do rural, con propostas dirixidas ao autoemprego e á promoción económica en concellos de reto demográfico.
Finalmente, outra das liñas de traballo na que está a avanzar a Deputación de Pontevedra para concorrer a fondos europeos é a formación en novas tecnoloxías, principalmente dirixida a persoas maiores. O obxectivo é rachar coa fenda dixital que dificulta a súa participación e vinculación, e facilitar as ferramentas e recursos precisos para que se sintan participes do novo escenario dixital.