A Deputación avanza na tramitación de proxectos de transformación dixital e eficiencia enerxética financiados con fondos europeos

20/10/2023

Xunta de goberno

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na tramitación de proxectos financiados con fondos europeos que benefician aos concellos da provincia. Nesta ocasión, como informou o presidente provincial, Luis López, en rolda de prensa, a Xunta de Goberno aprobou este venres o expediente para contratar unha plataforma comunicación e xestión de incidencias para os concellos e adxudicou obras de mellora de eficiencia enerxética nos concellos de Forcarei, Dozón, Caldas de Reis, Catoira e Ribadumia. “Seguimos dando pasos cara adiante para transformar a provincia e facémolo ademais da man de fondos europeos, e con protagonismo para os concellos” asegurou o presidente da Deputación.

Máis polo miúdo, a plataforma de comunicación e xestión de incidencias é unha das liñas do proxecto de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros da Unión Europea dos fondos Next Generation e ao que están adheridos 50 concellos da provincia. Para continuar avanzando na súa posta en marcha, procédese a licitar esta plataforma, que vai permitir unha relación bidireccional entre a cidadanía e os 41 concellos que a solicitaron. Cun orzamento base de 170.000 euros, as empresas terán 15 días a partir da publicación do anuncio de licitación para presentar as súas ofertas.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación, por algo máis de 130.000 euros, das obras de mellora de eficiencia enerxética en instalación fotovoltaicas sostibles nos concellos de Forcarei, Dozón, Caldas de Reis, Catoira e Ribadumia, una actuación que está tamén financiada con fondos europeos. En concreto, en Caldas de Reis instalaranse placas solares na Casa Consistorial e no polideportivo e piscina municipal por preto de 50.000 euros. En Ribadumia as actuacións desenvolveranse nos edificios da piscina e do club náutico, na casa da cultura e no complexo deportivo por máis de 40.000 euros. No caso de Catoira, as placas solares instalaranse no colexio público integrado e no pavillón de deportes cun orzamento de case 20.000 euros.  En Forcarei na Casa do Concello por preto de 18.000 euro e, por último, en Dozón na Casa do Concello, no Centro de Saúde e no albergue cun orzamento de case 10.000 euros.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.