As accións formativas do programa “Conectadas” da Deputación chegan esta semana a 58 mulleres de catro concellos da provincia

Entidades de Crecente, A Estrada, Moaña e Ponteareas participan en novos cursos de risoterapia, scrapbooking, iniciación ao patchwork e pilates ao abeiro da iniciativa provincial

07/08/2023

Esta semana comezan novas accións formativas ao abeiro do programa da Deputación de Pontevedra “Conectadas” das que se beneficiarán 58 mulleres dos concellos de Crecente, A Estrada, Moaña e Ponteareas. Esta iniciativa provincial ten como obxectivo promover a participación e a formación de máis de 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia a través de diferentes actividades.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo benefíciase dun curso de risoterapia no que participan 16 mulleres e que se impartirá os martes e os venres a partir deste martes 8 de agosto na Casa da Bola de Cangas, de 16:30 a 17:30 horas. Así mesmo, no concello da Estrada 12 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira comezarán tamén o martes 8 unha actividade de introdución ao scrapbooking, que terá lugar na Casa da Escola da parroquia os martes e venres de 20:30 a 21:30 horas.

A partir do mércores, o Colexio Nosa Señora de Fátima de Crecente acolle un curso de iniciación ao patchwork que se celebrará os mércores e venres de 17:30 a 18:30 horas a partir deste 9 de agosto, e no que participarán 17 mulleres. Por último, o xoves 10 de agosto serán 13 as mulleres que participen no inicio dun curso de pilates que promove a Asociación Cultural Centro Cultural de Cillarga na súa sede, en horario de 16:45 a 18:15 horas.

Neste 2023 participan no programa “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova).

Os colectivos beneficiarios puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. No marco destes bloques, algunhas das actividades máis solicitadas foron as de pilates, risoterapia, ioga, alfabetización dixital, ximnasia hipopresiva, artesanía en coiro, musicoterapia, pintura ou iniciación ao patchwork, entre outras. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.