A Deputación lanza “Conectadas” con máis de 30 accións formativas gratuítas para entidades que promoven a igualdade
205 asociacións, federacións e fundacións da provincia solicitaron xa os cursos do programa no que desde 2016 participaron preto de 20.000 mulleres
31/03/2022
A Deputación de Pontevedra arranca unha nova edición do programa “Conectadas” despois de dous anos de parón pola pandemia. Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobará este venres o expediente para contratar a xestión desta iniciativa, que ofrece ás asociacións, federacións e fundacións que teñen por obxectivo a igualdade un total de 30 accións formativas gratuítas, cun orzamento de preto de 324.000 euros. Este programa provincial, no que desde o ano 2016 teñen participado preto de 20.000 mulleres, ten como obxectivo a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento e empoderamento.
205 colectivos da provincia xa solicitaron algunha das 30 accións formativas que ofrece esta nova edición de “Conectadas”, que terán unha duración de 35 horas e incluirán un módulo obrigatorio de sensibilización na Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Todas elas están dirixidas a mellorar a formación básica das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e están integradas en cinco bloques temáticos: “Emprende: iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Deste xeito, no marco de “Emprende: iniciativas sostibles para o emprego” inclúense iniciativas de formación como “Crear a túa empresa. Deseño dun plan de negocio”, “Administradoras de redes sociais”, “Comercio electrónico”, “Asesoría laboral e fiscal”, “Marcando o teu rumbo. Empoderamento e liderado” e “Actívate na busca de emprego”.
Por outra banda, “ExpresARTE” oferta cursos de “Pintura”, “Teatro”, “Animación á lectura, narración e poesía”, “Iniciación ao patchwork”, “Iniciación ao scrapbooking” e “Artesanía en Coiro”. No que respecta a “Conéctate” preséntanse acción formativas que van dende “Alfabetización Dixital I e II” ata “Socializándose coas Redes” e “Administración Electrónica”. En canto a “Sementa Sostibildiade” inclúense iniciativas como “Poda e tarefas de campo desde a sostibilidade”, “Xardinería” e “Horta Ecolóxica”. E no marco de “O teu momento. Coidado e benstar” as participantes poden escoller entre “Ioga”, “Pilates”, “Taichí”, “Ximnasia hipopresiva”, “Sendeirismo”, “Menopausa de forma saudable”, “Coidar coidándonos”, “Relaxación e manexo do estrés: momentos en calma”, “Musicoterapia”, “Risoterapia” e “Obradoiro de mindfulness”.