A comarca do Condado-Paradanta gañará 49.000 m2 de espazo público para as persoas unha vez executados os proxectos subvencionados pola Rede Ágora

Ponteareas, Arbo, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Covelo, Salvaterra e A Cañiza teñen en carteira 31 actuacións que suporán un investimento de 13,4 M€

31/03/2023

Ágora Condado-Paradanta

A comarca do Condado-Paradanta gañará preto de 49.000 metros cadrados de espazo público para as persoas unha vez se executen todos os proxectos subvencionados con axudas da Rede Ágora do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación. Este dato foi divulgado hoxe polo deputado Uxío Benítez tras desagregar o informe xeral presentado  esta semana no acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’ que se celebrou no Pazo Provincial e revelou que na provincia o número total de metros gañados para a veciñanza ascenderá a 340.000.

Na  “conta de resultados” destacada o martes púxose de manifesto que grazas aos proxectos Ágora transformaranse a cantidade total de 620.000 metros cadrados de espazos público, o que supón multiplicar por cinco o espazo público existente gañándollo aos vehículos. Na provincia poranse en marcha 206 proxectos grazas a 5,8 millóns de euros de axudas Ágora sumadas ás do Plan Concellos, ReacPon, ou PON2023 (entre outras), que chegarán a un investimento global de 9,4 millóns de euros.

No caso particular do Condado, os números son moi positivos: transformaranse 87.438 metros cadrados, que pasarán de dispoñer dun espazo peonil previo de 26.447 metros cadrados a 74.999 m2, o que supón un incremento de 48.552 metros. Esta renovación e recuperación do espazo urbano implicará un investimento de máis de 13,4 millóns de euros. O número de proxectos en carteira é de 31, estando aprobados na primeira convocatoria de axudas Ágora sete, catorce na segunda e dez na terceira e última este mesmo ano.

Como xa se avanzara, a liña de axudas da Rede Ágora concedeu fondos ao Concello de Ponteareas para a redacción de tres proxectos de recuperación para uso peonil e ciclable da rede viaria da contorna da Praza de Bugallal e da Casa do Concello,  e outras áreas nas tres sucesivas convocatorias como a interconexión entre a Praza Maior, Praza Dr. Fernández Vega, Praza de Bugallal e Conservatorio municipal.

O Concello de Covelo recibiu axuda na primeira convocatoria para as obras dos itinerarios continuos e corredores verdes na primeira convocatoria, mentres que na segunda para a mellora da contorna da igrexa de Santo Estevo de Casteláns, as fases 2 e 3 da accesibilidade do núcleo da Graña e a contorna da igrexa de San Bernabé, da humanización da praza e Camiña da Hermida, e do acondicionamento de conexión entre o núcleo de Barciademera e a igrexa de San Martiño.

O Concello de Arbo recibiu unha subvención na terceira convocatoria para redactar o proxecto de mellora da mobilidade na contorna de Barcela.

O Concello de Mondariz Balneario recibiu axudas  na primeira convocatoria para para o proxecto recuperación do espazo público da contorna dos hoteis, e na terceira para a humanización da contorna da praza de Abastos.

O Concello de Mondariz recibiu na primeira convocatoria cartos para o proxecto da humanización das prazas de España e Domingo Blanco Lage e da rúa Ramón e Cajal, na segunda para o acondicionamento da contorna da igrexa de Sabaxáns e a senda aos petróglifos de pé da mula, para a nova praza no Couto, para o acondicionamento do acceso a Ponte de Cernadela e o proxecto de humanización da Praza de Merouces.

No caso do Concello de Salvaterra, a axuda foi para a humanización da rúa Marqués de Viana na primeira convocatoria; para a recuperación de uso peonil da Rúa Alto da Fonte, da rúa da Forca e das rúas Marqués de Viana (fase 2) e a rúa Suso Vaamonde na segunda convocatoria; e na terceira para recuperar o uso peonil da contorna da capela de San Roque, do núcleo rural de Leirado, e da contorna da Fortaleza.

O Concello de As Neves, recibiu na primeira convocatoria cartos para acondicionar a praza de Santa María de Liñares; para a recuperación do camiño do lugar de Chan e da rúa e Praza do Cruceiro na segunda, e para a recuperación e conectividade de diferentes espazos da vila na terceira.

O Concello de A Cañiza recibiu na primeira convocatoria axudas para a humanización da rúa Antonio Facorro, e na terceira para o acondicionamento da rúa Rosalía de Castro e contorna, do ámbito da capela dos Remedios na Miñoteira, e o acondicionamento de camiños no núcleo de Bueixos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.