A Deputación aposta pola compra de talento innovador de cara á mellora da xestión pública
Carmela Silva pon en valor a gran resposta do “ecosistema da innovación” a esta primeira convocatoria cun “cheo total” no Salón de Plenos provincial
15/09/2022
A Deputación de Pontevedra apura o proceso de Consulta Previa ao Mercado (CPM) para o programa Depoinnova, que se perfila como un macroconcurso de ideas e que agarda financiarse co PERTE de Dixitalización do ciclo da auga e un proceso de Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia e Investigación. O propósito é fomentar a innovación como ferramenta clave de desenvolvemento da provincia. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta primeira convocatoria dun programa que nace con espírito de continuidade e que xurdiu dun “gran traballo para delimitar as seis áreas que criamos que debían ter respostas innovadoras” para mellorar a xestión pública tanto dende a Deputación como dos concellos. “Imos moi en serio, puxemos isto en marcha porque queremos desenvolvelo”. A xornada contou cunha grande asistencia con máis de 100 especialistas do “ecosistema da innovación” que encheron o Salón de Plenos provincial e que xa están comezando a facer chegar as súas ideas no marco dos retos definidos pola Deputación.
Carmela Silva debullou os seis grandes retos que foron identificados polas equipas técnicas da Administración provincial. O primeiro, a dixitalización do ciclo da auga, nace da necesidade de poñer fin aos problemas existentes “que realmente non son de futuro, senón de presente” coa xestión deste ben natural fundamental. Outro dos retos é a xestión dos residuos e a economía circular, pois “os planetas e as persoas que vivimos nel xa non podemos soportar o modelo antigo, hai que ter respostas para o que está acontecendo e que pon en perigo a propia existencia”, subliñou a Carmela Silva, que lembrou que “a pandemia ten moito que ver con como tratamos ao planeta, polo que debe estar entre as nosas prioridades”. O terceiro reto a resolver é a xestión das infraestruturas provinciais, xa que “son as administracións provinciais as que xestionan a maior parte dos quilómetros que percorren e vertebran o territorio e que son vías de conexión entre diferentes concellos” e que precisan “dunha resposta medioambiental, tecnolóxica, innovadora e intelixente”.
A presidenta da Deputación presentou o cuarto dos retos, a transformación dixital da administración pública, botando a vista atrás e lembrando que “hai sete anos a maioría dos concellos da provincia non tiñan administración electrónica, aínda que había unha lei que obrigaba a tela –remarcou-. Mais era imposible sen recursos e sen medios, polo que foi esta Administración a que o fixo posible”. Pero aínda hai outras cuestións que precisan “propostas innovadoras, ademais de formar á cidadanía para rachar coa fenda dixital”. Depoinnova tamén pon o foco nos programas sociais e de emprego ante o reto demográfico, que sitúa á provincia nun presente cunha “poboación envellecida”, e, para poder atendela, é preciso “contar con elementos tecnolóxicos que dean información, permitan prestar un bo servizo, ter unha atención inmediata, etc.”.
Por último, a Deputación busca levar ao Museo de Pontevedra ao século XXI. Carmela Silva definiuno como “o grande museo de Galicia” e explicou que na actualidade está facendo un importante cambio para que chegue a tecnoloxía. Desta maneira, defendeu o gran valor da “visita presencial, pois é unha marabilla desfrutar coa presencia física do museo” aínda que non esqueceu a necesidade de “democratizar o coñecemento, aproximando o museo ás persoas de diversas formas”, proceso para o que son vitais as novas tecnoloxías.
A prazo para presentar propostas a Depoinnova (a través de www.depo.gal/-/depoinnova) continúa aberto ata o vindeiro 28 de setembro, e Carmela Silva animou a todas as persoas presentes, así como ás empresas, institutos tecnolóxicos, centros de investigación e universidades da provincia e de todo o Estado, a presentar as súas ideas. “Queremos ser unha administración innovadora, incorporar o talento que existe e favorecer o ecosistema tecnolóxico e innovador”, subliñou, ao tempo que incidiu en que “as Administracións teñen o deber e a obriga de liderar o cambio e de non quedar alleas”. “Unha Administración moderna non consiste nunha persoa nun despacho tomando as decisións. Temos que ter unha escoita activa, porque hai moito talento desexando axudar”.