O proxecto Depoinnova “un éxito” tras recibir 69 propostas de todo o estado para dar solución aos retos máis prioritarios

As ideas presentadas aportan solucións aos seis retos que a Deputación puxo sobre a mesa e que agarda resolver grazas ao PERTE de Dixitalización do ciclo da auga e a un proceso de Compra Pública Innovadora

30/09/2022

Rolda de prensa 30-09-2022

O programa Depoinnova, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o pasado mes de xullo para inverter en innovación e en solucións de vangarda nos ámbitos social e da economía verde e “explorar que capacidades hai na sociedade para crear novos produtos que nos permitan desenvolver novos proxectos máis eficientes e máis innovadores” pechou esta semana o prazo para recibir propostas cun grande “éxito”, segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. En total, recibíronse 69 propostas de 42 empresas, centros de investigación e universidades da provincia e do resto da comunidade autónoma, así como do conxunto do Estado, o que demostra “que hai sector privado innovador moi potente no noso país”.

Esta primeira edición de Depoinnova propuxo ao tecido produtivo e investigadores seis grandes retos que se identificaron como prioritarios e se recibiron propostas para todos eles. En concreto, o primeiro reto, a dixitalización do ciclo da auga, recibiu 16 propostas; o segundo, a xestión de residuos e economía circular, 9 propostas; o terceiro, o da xestión integral de infraestruturas provinciais, 12 propostas; o cuarto, de dixitalización da Administración provincial, 7 propostas; o quinto, dos programas sociais e de emprego, 11 propostas, e o sexto, do Museo de Pontevedra do século XXI, 14 propostas.

Para rematar a fase de consultas de Depoinnova, os seguintes pasos pasan pola análise das propostas recibidas, “para ver as ideas presentadas e o encaixe que teñen para os retos propostos”, un proceso de entrevistas con aquelas propostas, que “unha vez analizadas” sexan máis interesantes e a redacción e publicación do informe de Conclusións Preliminares de Mercado. A continuación, chega o momento de presentar as candidaturas de proxectos da Deputación ás liñas de financiamento específicas. En concreto, son a Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda para a Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, que se espera sexa convocada no primeiro trimestre do próximo ano, e o PERTE de Dixitalización do ciclo da auga, financiado con fondos Next Generation. Precisamente, hoxe abriuse a convocatoria do segundo, ao que se presentará o primeiro reto, o que leva á Deputación a ser “das primeiras administracións que teñen xa o traballo feito”, como explicou Carmela Silva, para poder presentarse. “Temos 90 días, polo que estamos moi avanzados”. O presuposto máximo para a proposta do PERTE é de 10 millóns de euros, mentres que para os proxectos para a Compra Pública de Innovación será a partir dos 5 millóns de euros. No caso de conseguir a financiación, a fase de licitación terá lugar nos dous próximos anos e a execución de proxectos entre 2024 e 2027.

Constante traballo da Oficina de Fondos Europeos

O proxecto Depoinnova púxose en marcha desde a Oficina de Fondos Europeos da Deputación, creada “cando se anunciou que ían chegar os fondos Next Generation”, dende a que se xestionan os proxectos propios da Administración provincial mais tamén se asesora a concellos a través de catro liñas de traballo: apoio na xestión e control de proxectos do Plan de Recuperación, difusión das axudas dirixidas aos concellos financiadas con fondos europeos, formación para entidades locais e asistencia para a presentación de proxectos.

Agora, esta oficina crea un repositorio con material de axuda e apoio para entidades locais, no que se inclúe o manual de marca do Plan de Recuperación, un manual de procedementos cos anexos necesarios, as presentación e materiais empregados nas formacións realizadas e, como novidade, con material de contratación. “Son exemplos de modelos de pregos e contratos tipo da Deputación para facilitarlles a presentación e a contratación deses proxectos”, asegurou Carmela Silva. Outra forma de achegar aos concellos a información é a través das newsletters que inclúen as novas axudas financiadas con fondos europeos, da que sairá nestes días o sétimo número. Nel incluiranse algunhas axudas como as que están a piques de ser convocadas, enfocadas á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais, para que a Deputación xa está traballando “nunha proposta global para os concellos de menos de 20.000 habitantes. Se hoxe hai administración electrónica é porque a financiou a Deputación, pero hai moitas outra cuestións que teñen que implantar”, segundo explicou a presidenta.

Por outra banda, nos próximos días a Deputación convoca novas xornadas telemáticas para concellos en materia do Plan de Recuperación. O martes 4 de outubro terá lugar a presentación das axudas a entidades locais no marco deste instrumento de financiación, na que se lles comunicarán as axudas co prazo aberto ou que se espera se publiquen nos vindeiros meses, de tal maneira que “poidan planificar as súas estratexias e ir elaborando proxectos e que xa os teñan preparados”. Ademais, o 25 de outubro desenvolverase outra formación para que o persoal dos concellos poida coñecer os principios de xestión do Plan de Recuperación, porque “hai moitas cuestións que teñen que coñecer, como o Plan de medidas antifraude” un requisito obrigatorio para recibir fondos e sobre o que a Deputación xa organizou formacións no pasado.

Por último, Carmela silva lembrou que a Deputación, a través da Oficina de Proxectos Europeos, tamén presta asistencia aos concellos na presentación de proxectos. “Por exemplo, fixemos moitas asistencias en relación ao Programa de Apoio a Mulleres no Ámbito Rural para concellos de menos de 5.000 habitantes”. Ou, por exemplo, o apoio prestado para a solicitude de convocatorias, “como fixemos co DUS5000 ou co PIREP local”. “É unha batería de iniciativas coas que a Deputación axuda a que os concellos que non teñen medios humanos ou técnicos non perdan estes recursos tan importantes”.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.