O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 publicará unha revista científica para analizar como afecta a dixitalización á sociedade

As sabias tamén decidiron promover a publicación de contidos elaborados por creadoras dixitais da feminisfera co obxectivo de visibilizar o seu traballo, tecer redes e reflexionar sobre a misoxinia dixital

01/12/2022

Comité de Sabias

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 celebrado telematicamente este xoves foi unha sesión de balance para avaliar as accións levadas a cabo durante o 2022 (o IV Workshop Hackeando o Patriarcado, as axudas aos proxectos de investigación, os Premios GirlGeekCovid, o Observatorio Stop Machitroles ou a presentación dos vídeos sobre a representatividade e representación das mulleres no audiovisual galego, entre outros), e trazar as liñas de traballo de cara ao próximo ano. Asistiron á reunión, ademais das integrantes do Comité, a deputada provincial de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez.

As sabias avaliaron o traballo desenvolvido durante este ano desde a Cátedra e fixaron os obxectivos a seguir na vindeira edición. Unha das iniciativas novidosas de cara ao 2023 é a creación dunha revista científica vinculada á Cátedra de Feminismos. Baixo o nome “Gender on Digital. Journal of Digital Feminism”, a nova publicación comezará a editarse o próximo ano e terá periodicidade anual. Preténdese así construír un espazo de reflexión científica crítica en torno ás transformacións da sociedade en relación coa irrupción das novas tecnoloxías da comunicación e da dixitalización en  todas as esferas da vida, pois aínda que o espazo virtual xa leva máis dunha década no noso día a día, a pandemia provocou nos últimos dous anos un aumento do seu impacto.

Ademais, a Cátedra de Feminismo 4.0 dará continuidade ao debate sobre a creación de contidos feministas nas redes iniciado este ano. A idea é coñecer máis sobre a feminisfera en construción a través de mulleres creadoras de contido (streamers, youtubers, influencers, foros, gamers, artistas dixitais etc) para así identificar, visibilizar, tecer redes e reflexionar sobre a misoxinia dixital moi presente nas Big Tech. Estas mulleres, pese ás violencias dixitais machistas que reciben, ás resistencias dos usuarios anti-mulleres en certos espazos do ecosistema dixital e á “represión” que sofren por parte de Internet, conseguen construír espazos de reflexión, humor e creación feminista moi interesantes, sementando así a esperanza de que outro mundo dixital é posible.

O obxectivo desta iniciativa é visibilizar o traballo destas mulleres, tecer unha rede máis forte entre elas a través dalgún encontro ou mesa redonda e mesmo publicar os traballos que realizan nas redes sociais, xa que os medios tradicionais son unha forma eficaz de chegar ao público afastado das social media que tamén debe ser partícipe, como o público non adolescente ou todas as persoas afectadas pola fenda dixital.

Composición do Comité

O Comité de Sabias está formado por 15 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial, os campos de actuación das integrantes do comité son moi diversos, incluíndo tamén a filósofas, matemáticas ou filólogas. Todas xuntas son unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, con consolidadas traxectorias e autoridades nas súas materias. E suman a súa experiencia e coñecemento para orientar a posta en marcha de accións que impulsen unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía.

Na web da Cátedra pódense coñecer máis en detalle os obxectivos e a composición do Comité de Sabias.