A Deputación revalida o seu apoio a Xoga para o servizo de intérpretes e guiaintérpretes

A través desta iniciativa de impulso á lingua de signos estanse a beneficiar de xeito directo máis de 300 familias de 44 concellos da provincia

10/07/2022

A Deputación de Pontevedra vén de revalidar o seu apoio á Asociación de Persoas Xordas de Galicia XOGA cunha achega de 10.000 euros para o desenvolvemento do programa “Capaces coa diversidade: servizo de intérpretes e guiaintérpretes de lingua de signos”, do que se benefician 300 persoas de 44 concellos da provincia. Trátase dun servizo que facilita o acceso á información para as persoas con diversidade sensorial na contorna social, laboral e de lecer, favorecendo a súa independencia, mellorando a súa calidade de vida e fomentando unha maior integración nunha sociedade maioritariamente oínte.

O “Servizo de intérpretes e guía-intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra” é un programa que a Asociación Xoga oferta ao longo de todo o ano co obxectivo de eliminar as barreiras de comunicación entre as persoas con diversidade sensorial e as persoas oíntes a través da linguaxe de signos, acadando así a accesibilidade das persoas con deficiencia auditiva. Trátase dunha axuda técnica para suprimir esas barreiras e unha ferramenta fundamental para conseguir unha maior integración destas persoas, axudándoas a superar situacións de desigualdade e desvantaxe fronte ao resto da cidadanía. O servizo está dirixido tanto a persoas con diversidade sensorial como a institucións que precisen de xeito puntual dunha persoa intérprete de lingua de signos para poder manter unhas relacións óptimas tanto a nivel persoal, como social ou xurídico.

Estanse a beneficiar do programa ao redor de 300 persoas dos concellos de Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vigo e Vilagarcía. 

Na provincia de Pontevedra hai preto de 15.500 persoas con diversidade sensorial que presentan dificultades de carácter permanente para acceder á información e comunicarse. A Organización de Xordos de Galicia (XOGA) sirve de punto de encontro para as persoas con diversidade/discapacidade sensorial. Xunto ao “Servizo de intérpretes e guía-intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra” tamén oferta outros programas de asesoramento e orientación, de acompañamento, así como de proximidade, para conseguir a inclusión das persoas con diversidade sensorial.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.