María Ortega: “a Lingua de Signos Galega (Lsg) debe ter a mesma identidade e imaxe social que a española e a catalana, xa recoñecidas como oficiais”

O Pazo Provincial acolleu hoxe unha xornada informativa organizada pola Deputación da man da RAG na que se presentou o ‘Informe Cero’ que alerta da ‘mala saúde’ da LSG

26/11/2022

LSG

En Galiza existe unha variedade lingüística de signos propia. Así quedou acreditado polas investigadoras e investigadores na presentación do ‘Informe Cero’ sobre a Lingua de Signos Galega (LSG)  nas xornadas organizadas polo departamento de Lingua da Deputación baixo o amparo da Real Academia Galega. No encontro destacouse a necesidade de impulsar novas investigacións científicas dende diferentes perspectivas (sociolingüística, antropolóxica, pedagóxica, etc) para avanzar e conseguir a oficialización da LSG como xa a teñen as outras dúas linguas de signos recoñecidas no estado, a española e a catalá.

No acto de apertura a deputada María Ortega destacou que a comunidade con diversidade sensorial “pode e debe ter o poder de esixir e abordar o recoñecemento dos seus dereitos lingüísticos”, polo que a Deputación vai “tender a man para defender o dereito da comunidade usuaria para promover cantas medidas precisen para superar os problemas lingüísticos derivados da minorización, así como aspirar para a LSG a mesma identidade e imaxe social que o resto das linguas de signos do Estado”.

A deputada salientou que é precisa a realización de moitos estudos de grande calado e subliñou que se necesita unha política lingüística que recoñeza a diversidade e traballe para potenciar e recuperar o patrimonio que supón a Lingua de Signos Galega. Neste sentido, amosou a necesidade de que a Xunta de Galicia se implique na iniciativa, toda vez que parte da comunidade xorda quere ver recoñecidos os seus dereitos, ao tempo en que denunciou coaccións por parte de colectivos que non teñen como prioridade traballar neste campo.

Ademais das persoas autoras do ‘Informe Cero’ (Carlos Manuel Varela Ulla e Santiago Frigola Segimon), que subliñaron a existencia da LSG e a necesidade de revitalizala, a investigadora Cristina González Abelaira, autora dunha tese doutoral sobre a materia, foi a máis contundente á hora de recoñecer a existencia da variedade propia do país.

Os colexios de persoas xordas, berce da LSG

Fernández destacou que “parece evidente” que as comunidades de signantes galegas se crearon nos colexios de persoas xordas e se fortaleceron nas asociacións, sendo os colexios de xordos galegos o berce para o desenvolvemento dunha Lingua de Signos Galega. Sen embargo, manifestou, factores sociais e políticos conduciron á súa falta de recoñecemento no momento no que se oficializaron as linguas de signos española e catalá:  a variante galega non obtivo o apoio necesario por parte dos líderes da comunidade de persoas xordas en Galicia, entre outras cousas pola falta de vinculación cos centros de ensino nos que se falaba.

Esta situación levou, explica a investigadora, a que unha parte moi importante da comunidade xorda siga a cuestionar hoxe a súa existencia, o que se dá en paralelo á uniformización que dende hai décadas se produce polo traslado de profesorado de Madrid a Galicia. “Parece que se aplicou con respecto á lingua de signos unha política de asimilación lingüística de acordo coa cal en sociedades nas que onde hai unha variedade natural de linguas fanse esforzos por unificar ditas linguas nunha única norma. Por iso en Galicia está estendida a LSE”, subliñou. 

A investigadora insistiu en que a oficialidade que a lei de 2007 outorgou á LSE deu lugar a un proceso de homoxeneizaicón lingüística. “Os signos propios da LSG foron desprezados e foron considerados antigos fronte a outros chegados dende a capital”, apuntou, para engadir que o que sucedeu en Galicia coas linguas orais entre o castelán e o galego reproduciuse coas linguas de signos, xerando unha relación asimétrica entre a lingua de signos  maioritaria, a española, sobre a galega.

Lembrou que ata o momento no que a Deputación puxo en marcha o ‘Informe Cero’ sobre a LSG non xurdira ningunha práctica que intentara frear o proceso de substitución, nin tampouco administración nin o movemento asociativo desenvolveron ningunha política revitalizadora. ”A falta de investigación lingüística supuxo un atranco tamén”, salientou.

A pesar da situación xeral, lembrou que houbo “tímidas iniciativas, únicas voces” que se alzaron a favor da LSG nalgún momento. Citou no 2008 a Asociación de Persoas Xordas de Compostela, que fixo unha revista que pretendía “recoller signos nacidos e usados en Galicia en risco de desaparecer baixo a presión da corrente maioritaria e xeneralista da lingua de signos dominante en España, LSE”.

Mencionou tamén outras iniciativas como o Diccionario de Lingua de Signos Galega elaborado por profesorado do centro de Ferrol, no que se atopa contido multimedia con contos tradicionais en LSG e no que se defende o seu uso “porque forma parte do noso patrimonio histórico e cultural e está condenada a desaparecer porque só se usa no ámbito rural e no interior de Galiza porque non se promove dende os ámbitos sociocomunitarios”.

“Ríanse de nós por como falabamos en LSG”

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, destacou a importancia das xornadas sobre a LSG organizadas pola Deputación. Subliñou que a comunidade con discapacidade sensorial “forma parte de nós, da nosa historia, memoria, e da nosa cultura” e salientou que hai persoas que “estaban fóra do circuíto e reivindicaban a súa identidade e personalidade, patrimonio propio, dos seus avós e dos seus devanceiros... porque non estaban a inventar nada novo, senón recollendo unha tradición que querían manter viva porque a consideraban útil”.

Freixanes destacou que a RAG foi creada para defender, pular, activar, o patrimonio cultural “de todos nós e polo tanto a identidade da nación galega”, e indicou que “nesa preocupación e compromiso están todas as formas de expresión e patrimonios que constrúen esa identidade, por tanto esta tamén (en relación á LSG)”.

Pola súa banda, a presidenta de Xoga (entidade promotora do ‘Informe Cero’ auspiciado pola Deputación), María Jesús Monterde García, destacou que a revitalización da LSG  “é unha cuestión de todas, da educación, da comunidade, das familias. Non podemos ver clases políticas, nin cores, nin chaquetas, nin entidades nin persoas xordas, nin xordocegas... é cuestión de todas. Defendemos a lingua de signos en xeral e a LSG. Isto non vai enfrontamentos. Podemos opinar distinto, pero temos obxectivos de derrubar barreiras”, salientou, destacando que “estamos nunha democracia e temos que velar por dereitos de todas as persoas”.

Na xornada tamén participou a Familia Vázquez, coñecida pola súa actividade nas redes sociais, que explicou a súa experiencia propia coa Lingua de Signos Galega: dende como a utilizaban na familia e tamén na escola a como foron burladas por xente chegada de Madrid por faceren signos diferentes ás persoas da capital. “É cen por cen importante falar en Lingua de Signos Galega. É algo noso, emocióname. Mais temos moita influencia das escolas de Madrid. Cando chegaban aquí ríanse de nós por como falabamos. (...) Por iso é precisa fortaleza para falar con ela”, subliñaron, ao tempo en que amosaron un vídeo explicativo con algunhas diferencias no signado para diferentes palabras en LSE e LSG.

Pola súa banda, Inmaculada Concepción Báez  Montero, doutora en Filoloxía Hispánica, fixo un percorrido sobre a traxectoria da Lingua de Signos Española e a normativa vixente. Ricard López Manzano, presidente da Federación Española de Xordocegueira (FESOCE) e Sanitago Frigola Segimon, profesor da universidade especializado na Lingua de Signos Catalá, explicaron cal foi o procedemento da oficialización en Cataluña, máis baseado nos dereitos lingüísticos que no enfoque da discapacidade.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.