A vicepresidenta Marta Fernández-Tapias clausura a mostra da Fundación Balms “Son Caribe” na sede da Deputación en Vigo

A exposición mostra a identidade caribeña a través de pinturas realizadas por menores vulnerables nas escolas de arte da Fundación Balms na República Dominicana e en Colombia

24/10/2023

clausura da mostra son caribe

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra e deputada de Cultura, Marta Fernández-Tapias, clausurou hoxe na Sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra a exposición “Son Caribe. A arte como ferramenta transformadora”, que a institución provincial organizou conxuntamente coa Fundación Balms para a Infancia e que aínda se pode visitar ata o próximo xoves 26 de outubro. No acto, Fernández-Tapias estivo acompañada polo presidente da Fundación, Antonio Heredero González-Posada, así como doutros membros da directiva, e pola delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz.

A mostra colectiva amosa a identidade caribeña a través de pinturas realizadas por menores vulnerables na República Dominicana e en Colombia e, como explicou a vicepresidenta provincial, “naceu cargada de ilusión e co obxectivo de poñer en valor o poder da arte e da cultura como ferramentas transformadoras para axudar a infancia en zonas deprimidas”. Nos seus cadros, as e os rapaces da escolas da Fundación Balms (Mauro Lorenzo, en Santiago Oeste, República Dominicana; e Granitos de Paz, en Olaya Herrera, Cartaxena de Indias), que teñen entre 7 e 17 anos, “dannos unha visión chea de cor, emotiva e alegre da identidade caribeña; unha imaxe da súa contorna e das súas vivencias que as e os axuda a afastarse da súa realidade, ás veces complicada”.

Durante a súa intervención, Marta Fernández-Tapias mostrou o “fondo compromiso” do Goberno provincial coa cooperación internacional, porque, asegurou, “é o noso deber solidarizarnos coas persoas que máis o precisan”, así como facer “unha aposta clara por contribuír a que o mundo no que vivimos sexa máis xusto”. Ademais, eloxiou o traballo realizado pola Fundación Balms a través das súas escolas de arte en América Latina ao tempo que lembrou que “para avanzar é especialmente necesario facelo desde a colaboración dos distintos actores que están involucrados no cambio social”.

A Fundación Balms para a Infancia leva dúas décadas traballando polos dereitos da infancia máis desfavorecida. Entre outras estratexias, emprega a arte para achegarlles as disciplinas artísticas a nenas e nenos en situación de vulnerabilidade. Coa creación e desenvolvemento das súas escolas de arte e tempo libre en varias cidades latinoamericanas buscan contribuír á cultura artística local e dotar dunha formación alternativa as e os nenos que termine impactando directamente nas súas comunidades.

A exposición “Son Caribe. A arte como ferramenta transformadora”, que chegou á Cidade Olívica despois de pasar por Marbella e Madrid, aínda pode visitarse na Sede de Vigo da Deputación ata este xoves 26 de outubro, de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas. Xunto á mostra organizáronse actividades complementarias coma un obradoiro creativo no que participou un grupo de 20 rapazas e rapaces de entre 9 e 14 anos.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.