O laboratorio creativo Conecta Lab de crea e a Deputación chega á fin da súa primeira edición cun encontro con perspectiva de xénero
Paula Cons, María Vázquez, Álvaro Gago e Belén Puime centraron o debate na importancia de aportar un punto de vista feminino ao sector audiovisual
20/04/2023
Tras dez días de intenso traballo e cunha ampla programación, Conecta Lab, o laboratorio audiovisual de CREA e da Deputación chegou hoxe ao seu fin coa celebración do Encontro Perspectivas - Miradas de xénero no cine, que se centrou en aportar un punto de vista feminista tanto aos proxectos seleccionados como unha visión global do sector cinematográfico grazas á participación de Paula Cons, documentalista, produtora, guionista e directora de traballos como “La isla de las mentiras”, a súa primeira longametraxe; ao realizador Manuel Gago, director cuxa ópera prima “Matria” foi estreada no na Berlinae 2023; María Vázquez, gañadora da Biznaga de ouro como mellor actriz por “Matria”, e Belén Puime, directora da webserie “Pringadas”, nomeada os Premios Mestre Mateo. No acto estiveron presentes a deputada de Cultura Victoria Alonso e o presidente de CREA, Fon Cortizo, que foron os encargados de clausurar esta primeira edición de Conecta Lab.
No “Encontro Perspectivas”, que tiña como finalidade introducir nos proxectos a perspectiva de xénero como algo enriquecedor e que foi conducido pola realizadora e vicepresidenta de CREA Noemí Chantada, os e as participantes debateron arredor do que supón a perspectiva de xénero no cinema, que pode chegar a aportar e se está presente nos proxectos audiovisuais que se fan en Galicia. Desta maneira, demandaron mulleres “reais” no cinema, que sexan realmente suxeitos activos das súas propias historias como única vía para reflexar a realidade social, xa que os moitos dos proxectos que contan con personaxes femininos están escritos por homes e, polo tanto, non teñen perspectiva. E para iso, aseguraron, é necesario que as mulleres teñan parte activa na creación de proxectos, de tal maneira que o cinema poida ser un reflexo real da realidade.
Os e as participantes coincidiron na necesidade de rachar cos estereotipos que presenta o cinema actual, como o do “home maior que sempre acaba ligando cunha rapaza nova”, ou da importancia de repensar o audiovisual polo enorme impacto que ten na educación sexual dos mozos e mozas, xa que “nunca reflexa o desexo feminino ou que nunca, por exemplo, presenta unha violación enfocada desde o punto de vista da vítima”. Así, se ben recalcan que hai “un gran potencial”, ao ser a mirada actual do cinema sempre masculina, “nunca se pon a visión desde o lado que interesa”. "O cinema con perspectiva de xénero e o único cinema con capacidade para contar a historia de mulleres reais e iso implica máis diálogos, un cambio nos roles que xogamos en escena e tamén na posición da cámara. Debe ser transversal", concluíron as poñentes.
Ao longo dos dez días que durou o Conecta Lab, as/os creadoras/es galegas/os Iria Sobrado (co proxecto “Aquagym”), Alexandre Cancelo (“Grimsey”), Nacho Ozores (“La idea de un hijo”), Lidia Fraga e Jacobo Díaz (“Normal”), Irene Pin (“Terás que saltar”), Dani Viqueira (“Invisibles”) e Rafa de los Arcos, como proxecto invitado con “O pesadelo das vacas”, traballaron nos seus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar nos distintos aspectos artísticos e narrativos.