Icíar Bollaín imparte unha clase maxistral sobre a construción de personaxes femininos no marco de Conecta Lab, o programa da Deputación e CREA
A charla terá lugar ás 18.00 horas deste sábado, 15 de abril, no Museo Marco de Vigo e nela a directora fará un repaso sobre as protagonistas da súa filmografía
14/04/2023
O Salón de Actos do Marco de Vigo acolle este sábado, 15 de abril, ás 18.00 horas, unha clase maxistral a cargo da recoñecida directora de cine Icíar Bollaín sobre a construción de personaxes femininos. O encontro, que se celebra ao abeiro do laboratorio creativo Conecta Lab, da Deputación de Pontevedra e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA), é aberto ao público e de entrada libre ata completar aforo.
Icíar Bolllaín analizará as diferentes personaxes protagonizadas por mulleres das súas películas, nas que reivindica habitualmente causas xustas a través de historias feministas e militantes. Así, a cineasta explicará como se enfronta ás diferentes personaxes, como xorden, como se escriben, como evolucionan, o proceso de investigación e de guión e a representación das súas relacións: amigas, nais e fillas, compañeiras de traballo, irmás, mulleres en situacións de opresión, de desigualdade e tamén mulleres en rede de apoio ou en soidade, mulleres migrantes, as que se enfrontan aos seus propios prexuízos e ás que se enfrontan aos dos demais. En definitiva, un percorrido polos distintos temas das súas películas no que as mulleres e a súa perspectiva serán as principais protagonistas.
Icíar Bollaín (Madrid, 1967) é unha das directoras de cine máis recoñecidas do panorama nacional e unha das figuras clave do audiovisual español. Se ben debutou como actriz aos 15 anos colaborando con directores como Víctor Erice, a principios de 1991 fundou Producciones La Iguana, empresa coa que deu os seus primeiros pasos no terreo da dirección. “Baja corazón” (1993) e “Los amigos del muerto” (1994) foron algúns dos seus primeiros traballos, aos que seguiron preto dunha decena de películas, entre as que destacan outros títulos como “Te doy mis ojos” (2003) ou “Maixabel” (2021), a súa última cinta ata o momento. Ademais, é membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España e en 2007 fundou, xunto con outras cineastas, a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), da que é membro da Xunta Directiva.
O laboratorio creativo de desenvolvemento de proxectos cinematográficos Conecta Lab, abriu as súas portas na Illa de San Simón o pasado martes 11 de abril. Ata o vindeiro día 20, os creadores e creadoras audiovisuais Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Lidia Fraga e Jacobo Díaz, Irene Pin e Dani Viqueira, traballan en cadanseus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar nos diferentes aspectos artísticos e narrativos dos mesmos. A Illa é tamén escenario dunha serie de encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas co obxectivo de xerar espazos de comunicación entre creadores e creadoras, formular temas de debate ou abordar aspectos innovadores da creación audiovisual. Ademais desta clase maxistral de Icíar Bollaín, na mesma Illa tamén se celebrou unha de Álvaro Vega e outra de Óliver Laxe. O domingo 16 de abril será a quenda de Carlos Marqués-Marcet (20.00 h) e o luns 17 de Pablo Martí (19.30 h). As dúas poderán seguirse online con inscrición previa na web de CREA (www.crea.gal) ou da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal).