O Ciclo Mestre Mateo continúa este luns en Baiona coa proxección do filme “Onde máis doe”

O pase deste documental, da realizadora Manane Rodríguez, terá lugar no Multiusos Sabarís ás 21 horas

16/07/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia e que neste 2023 está a celebrar a súa segunda edición, continúa este vindeiro luns 17 de xullo en Baiona. O Multiusos Sabarís acollerá ás 21.00 horas o pase do documental Onde máis doe, da realizadora Manane Rodríguez.

O filme, estreado o pasado 2022 no OUFF - Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os da Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais de Onde máis doe; os documentais A foreign song, (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón e No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; así como o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, o filme Live is life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga.

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 23 resultados.