A Estrada acolle este luns 9 de outubro a proxección do filme “Onde máis doe” ao abeiro do ciclo Mestre Mateo

O pase do documental, dirixido pola realizadora Manane Rodríguez, terá lugar ás 17:00 horas nos Minicines Central  

 

08/10/2023

A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, continúa na Estrada este luns 9 de outubro. Deste xeito, nos Minicines Central proxectarase a partir das 17:00 horas o pase do filme “Onde máis doe”, dirixido por Manane Rodríguez e finalista dos Mestre Mateo na categoría de documentais.

O filme, estreado o pasado 2022 no OUFF - Ourense Film Festival e finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión neste filme producido por Xabier Bermúdez que conta coa música de Nani García.

Ademais da Estrada, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, Caldas de Reis, O Grove e A Guarda. Estes municipios exhibirán unha programación que inclúe “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, “Unicorn Wars” e “O corpo aberto”, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  

O resto de títulos do programa son os filmes finalistas destes galardóns. É o caso dos documentais ‘Non somos nada’, de Javier Corcuera, Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona e ‘A foreign song’ (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén as películas ‘Live is life’, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa; “Valentina”, de Chelo Loureiro, gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e ‘Código Emperador’ (Jorge Coira, 2022), que foi estreada no XXIV Festival de Málaga.

 

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 27 resultados.