O Auditorio do Grove acolle este xoves a proxección de “Valentina” ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

25/10/2023

O Auditorio do Grove acollerá este xoves 26 de outubro a proxección do filme de animación Valentina ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. A sesión para a exhibición desta película, dirixida por Chelo Loureiro e finalista nesta categoría dos premios, terá lugar ás 11:30 horas e gozarán dela máis de 400 escolares de tres centros educativos da vila.

O filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García.

Ademais do Grove, o ciclo chegou este ano aos concellos da Guarda, A Estrada, Caldas de Reis e Baiona. Estes municipios están a exhibir unha programación que inclúe as películas, María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo. O resto de títulos son finalistas destes galardóns, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), Non somos nada (Javier Corcuera, 2022) e A Foreign Song (César Souto, 2022), así como as películas Live is Life (Dani de la Torre, 2022) e Código Emperador (Jorge Coira, 2022).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.