O Ciclo Mestre Mateo continúa en Baiona coa proxección este venres 22 do filme “O corpo aberto”

O pase do filme, galardoado como mellor longametraxe nos premios do audiovisual galego, terá lugar ás 21:00 horas no Centro Multiúsos de Sabarís

21/09/2023

Baiona acolle este venres 22 de setembro un novo pase da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O Centro Multiúsos de Sabarís será o escenario, ás 21:00 horas, do pase do filme O corpo aberto, mellor longametraxe nestes galardóns.

Dirixida por Ánxeles Huerta, a película está protagonizada por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez nos seus principais papeis, e acumulou un total de quince candidaturas aos premios deste ano. A historia, ambientada en 1909, sitúa a Miguel, un mestre novo, destinado nunha vila de montaña na fronteira entre España e Portugal, Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os do Grove, A Guarda, A Estrada e Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe, ademais de O corpo aberto, os filmes María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars, recoñecidos respectivamente como mellor documental e mellor longametraxe de animación na última edición dos Mestre Mateo. O resto de títulos do programa son traballos finalistas destes premios, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, e No somos nada (Javier Corcuera, 2022), estreado no Festival de Cine de San Sebastián. Tamén se proxectarán a película Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e as  longametraxes Live is Life (Dani de la Torre, 2022) e Código Emperador (Jorge Coira, 2022).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 18 resultados.