O Ciclo Mestre Mateo continúa este mércores 11 na Guarda coa proxección da película “O corpo aberto”
O pase do filme, galardoado como mellor longametraxe nos premios do audiovisual galego, terá lugar ás 20:30 horas no centro cultural
10/10/2023
A Guarda acolle este mércores 11 de outubro un novo pase da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e os documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. O salón de actos do centro cultural será o escenario, ás 20:30 horas, do pase do filme O corpo aberto, galardoado como mellor longametraxe nestes premios celebrados en marzo.
Dirixido por Ánxeles Huerta, o filme está protagonizado por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez nos seus papeis principais, e acumulou un total de quince candidaturas aos premios deste ano. A historia, ambientada en 1909, sitúa a Miguel, un mestre novo, destinado nunha vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu redor, á vez que crece a súa fascinación pola enigmática Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
Ademais da Guarda, os outros concellos nos que recala a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son O Grove, Baiona, A Estrada e Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe, á parte de O corpo aberto, os filmes María Casares, a muller que viviu mil vidas e Unicorn Wars, recoñecidos, respectivamente, como mellor documental e mellor longametraxe de animación na última edición dos Mestre Mateo. O resto de títulos do programa son traballos finalistas destes premios, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song, (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, e No somos nada (Javier Corcuera, 2022), estreado no Festival de Cine de San Sebastián. Tamén a película Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre, 2022) e Código emperador (Jorge Coira, 2022).