A Deputación achega esta fin de semana a Lalín a figura do pioneiro do cinema galego José Gil

O venres 29 e o sábado 30 de setembro o concello acollerá proxeccións, conversas e coloquios sobre o cineasta dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

27/09/2023

CICLO JOSe GIL LALiN

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Lalín o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a 30 concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o venres 29 e o sábado 30 de setembro e inclúen proxeccións e conversas ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo. 

Na mañá do venres 29, o auditorio da vila acollerá varias proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos, que poderá tamén visitar o Cinemóbil, cos 16 paneis explicativos sobre o cineasta nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, das 20:00 ás 21:30 horas e tamén no auditorio, pasaranse de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral.  Pola súa banda o sábado 30 de setembro a programación arrancará ás 10:00 horas na praza da Igrexa de Lalín, onde estará instalado o Cinemóbil e onde Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto,  a biografía sobre Gil coa que gañou o Premio Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023. Posteriormente, a partir das 13:00 horas haberá unha sesión vermú amenizada pola Banda de Música A Lira de Prado.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e por en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas e Pontecesures. Despois de Lalín, continuará en Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño, Marín e Vilagarcía de Arousa.

José Gil e Lalín
Existen dúas filmacións de José Gil realizadas en Lalín: unha delas está centrada no ensino e amosa as obras de Hospital-Asilo-Escola, así como varias secuencias dos arredores da capital do Deza e as festas populares da bisbarra.  A outra película foi o documental sobre o último voo de Loriga a Lalín o 23 de xuño de 1927. Gil agardou pola inauguración do monumento a Loriga para estrear esta película, cinco anos despois, no Salón Cine Deza.

 

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.